Skip to main content
STG

A USC e as cooperativas farmacéuticas Cofaga e Cofano crean a primeira aula de simulación universitaria dunha oficina de farmacia

De esquerda a dereita, Manuel Puga, Miguel Reviejo, Juan Casares, Manuel Muradás e Isabel Sández. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Manuel Puga, Miguel Reviejo, Juan Casares, Manuel Muradás e Isabel Sández. Foto: Santi Alvite

O reitor Juan Casares e os presidentes de Cooperativa Farmacéutica Gallega (COFAGA), Miguel Reviejo, e de Farmacéutica del Noroeste, Sociedad Cooperativa Gallega (COFANO), Manuel Muradás, asinaron este luns 29 un acordo de colaboración para a creación na Facultade de Farmacia da Aula-Farmacia USC-COFAGA-COFANO, a primeira aula de simulación dunha oficina de farmacia nunha universidade pública. Esta aula é un espazo no que se reproducirán as instalacións e equipamentos máis habituais dunha farmacia e no que se desenvolverá a docencia práctica. O acto de sinatura celebrouse nunha sesión protocolaria no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, coa presenza ademais do presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira e da decana da Facultade de Farmacia, Isabel Sández Macho. Estiveron presentes ademais, o equipo decanal en pleno da Facultade compostelá, o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, Francisco Durán, e representantes dos consellos de dirección das cooperativas farmacéuticas. Manuel Puga foi quen puxo o broche a este acto protocolario no que se formalizou o acordo de colaboración entre a USC, Cofaga e Cofano e que, na súa opinión, reportará importantes beneficios formativos ás dúas partes asinantes. A Aula, que previsiblemente poderá estar funcionando no segundo semestre do curso, está chamada a ser un centro de referencia para a formación continua dos/as profesionais farmacéuticos/as, explicou o presidente do Consello Social, quen tamén mostrou a súa satisfacción porque detrás deste acordo de colaboración están representados a práctica totalidade dos farmacéuticos/as de Galicia, o que representa o seu compromiso coa institución na que se formaron. En representación das cooperativas farmacéuticas, Miguel Reviejo e Manuel Muradás explicaron que a Aula USC-COFAGA-COFANO servirá para explicar aos/ás futuros/as profesionais as particularidades dun sistema, o cooperativo, cuxo funcionamento ten colectado satisfactorios resultados nos últimos 70 anos. A labor deste espazo formativo na Facultade Farmacia evidencia a existencia de vasos comunicantes entre a esfera profesional e o espazo formativo dos estudantes que poderán coñecer a vida diaria e o funcionamento das cooperativas farmacéuticas. O reitor tamén insistiu nesta idea destacando que o acordo asinada permitirá o desenvolvemento dunha acción formativa moi especial polo seu carácter innovador. Nesta liña, Isabel Sández insistiu no feito de que o acordo pon de manifesto a vontade da USC de non vivir de costas á súa realidade máis inmediata e abundou en que a posta en marcha desta aula de simulación dun oficina real de farmacia vai redundar de xeito inmediato na formación continua e ao longo da vida dos/as profesionais deste eido. A Aula dedicarase ao desenvolvemento de actividades tendentes a mellorar a formación teórica e práctica do alumnado da Facultade de Farmacia da USC, pudendo utilizarse, ademais, para a formación práctica dos servizos profesionais desempeñados polo/a farmacéutico/a comunitario/a e a xestión das oficinas de farmacia, así como accións de divulgación relacionadas na USC. Para conseguir os seus obxectivos, estará totalmente equipada e así poder representar situacións reais de dispensacións, seguimento farmacoterapéutico e fármacovixilancia. As instalacións e equipamentos específicos así como os necesarios para impartir a formación serán achegados por Cofaga e Cofano para a súa instalación no local específico. Ademais, e conforme ao acordo asinado, no plano formativo das distintas materias do alumnado de Farmacia poderanse incluír a realización de visitas aos almacéns destas dúas cooperativas para coñecer a función sanitaria da Distribución Farmacéutica e a súa importancia dentro da cadea do medicamento. Neste senso, incluirase tamén a realización de, polo menos, unha xornada teórica na Facultade de Farmacia impartida por representantes de Cofaga e Cofano e dunha visita ás súas sedes. O acordo terá unha vixencia inicial de dez anos, pudendo renovarse por períodos iguais.

The contents of this page were updated on 07.29.2013.