Skip to main content
STG

48 graos e 75 másteres, a oferta académica da USC para o curso 2013-2014

48 graos e 75 másteres, a oferta académica da USC para o curso 2013-2014
48 graos e 75 másteres, a oferta académica da USC para o curso 2013-2014
Completan o catálogo dúas titulacións propias e 49 programas de doutoramento

A Universidade de Santiago de Compostela ofrece para o vindeiro curso un total de 48 títulos de grao –33 en Santiago e 15 en Lugo–, 75 másteres oficiais e 49 programas de doutoramento. Ademais, nela pódense cursar dúas titulacións propias, os Diplomas Superiores en Criminoloxía e en Xestión Hoteleira. A maiores, haberá 20 cursos ponte para nove graos de Santiago e 11 de Lugo. Por áreas de coñecemento, a USC conta para o próximo curso con 9 graos en ciencias da saúde, 4 en ciencias experimentais, 17 en ciencias sociais e xurídicas, 8 en enxeñaría e arquitectura e 10 en artes e humanidades. A implantación de graos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior comezou na USC no curso 2008-2009 con Ciencias Políticas e da Administración e Matemáticas e foise facendo de maneira progresiva ata o 2010-2011, no que se xa se ofertou a totalidade. En 2012-2013 Medicina, Odontoloxía, Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Enxeñaría Química, Enfermaría, Veterinaria ou Enxeñaría Informática, todas elas da USC, foron algunhas das carreiras coas notas de corte máis altas de Galicia. Másteres A oferta de másteres oficiais da USC abrangue todas as áreas de coñecemento e os tres perfís posibles destes posgraos: académico, profesional e investigador . Así, 15 son títulos de ciencias; 13 de ciencias da saúde; 27 de ciencias sociais e xurídicas; 10 de enxeñaría e arquitectura; e 10 de artes e humanidades. O vindeiro curso a USC estrea 12 posgraos oficiais, algúns deles interuniversitarios: Arqueoloxía e ciencias da Antigüidade; Estudos da literatura e da cultura; Estudos ingleses avanzados e as súas aplicacións; Lingüística aplicada; Matemática industrial; Planificación e xestión do desenvolvemento territorial; Enxeñaría química e de bioprocesos; Xestión do patrimonio artístico e arquitectónico, museos e mercado da arte; Enxeñaría agronómica; Enxeñaría de montes; Psicoloxía da saúde; e Procuradoría. Estes catro últimos están relacionados con profesións reguladas e, excepto o de Procuradoría, habilitan para o exercicio profesional, igual que o que xa ofertaba a USC de Formación de Profesorado de ESO e Bacharelato, FP e ensino de linguas (en Lugo e Santiago, con carácter habilitante) e o de Avogacía (non habilitante). Doutoramento Para organizar os seus 49 programas de doutoramento adaptados á nova normativa a USC creou a Escola de Doutoramento Internacional, que na actualidade se estrutura en tres ámbitos temáticos: ciencias biomédicas e tecnoloxías da saúde (13 programas), ciencias experimentais e tecnolóxicas (18), e ciencias sociais, xurídicas e humanidades (18). Destes, 33 son exclusivos da USC e os outros 16 impártense en colaboración con outras universidades. Alumnado matriculado No curso que acaba a USC contou con 27.344 estudantes, a maioría deles (16.724) en graos e outros 8.147 en licenciaturas e enxeñarías. En másteres contabilizáronse 1.705 e 737 en titulacións propias. En porcentaxes totais o 63,5% son mulleres, proporción que aumenta en Santiago con respecto a Lugo. Do alumnado que comezou a súa etapa universitaria, 5.731 elixiron en 2012 a USC, preto de 1.000 no Campus lugués. Ademais, o 50% dos estudantes cos mellores expedientes de Galicia que entraron neste curso na Universidade estudan na de Santiago de Compostela; 195 dos 391. Calendario académico

O curso 2013-2014 dará comezo o 6 de setembro e o primeiro semestre estenderase ata o 20 de decembro. O segundo abranguerá do 28 de xaneiro ao 13 de maio de 2014. Os exames desenvolveranse do 8 ao 24 de xaneiro e do 14 ao 31 de maio. Haberá unha segunda oportunidade avaliadora do 24 de xuño ao 12 de xullo.

O reitor Juan Casares presentou estes datos nunha rolda de prensa na que o acompañaron a secretaría xeral da USC, Lourdes Noya; o vicerreitor de Titulacións e PDI, Jesús López Romalde; e a directora da Escola de Doutoramento Internacional, Isabel Rodríguez-Moldes.

The contents of this page were updated on 06.06.2013.