Skip to main content
STG

A USC e a Deputación de Lugo asinan un convenio para o desenvolvemento do proxecto ‘Nomes e Voces’

Antonio Veiga (esquerda) e Mario Outeiro (dereita), da Deputación de Lugo, acompañaron a Juan Casares no acto de sinatura do convenio de colaboración entre a institución provincial e a USC
Antonio Veiga (esquerda) e Mario Outeiro (dereita), da Deputación de Lugo, acompañaron a Juan Casares no acto de sinatura do convenio de colaboración entre a institución provincial e a USC
Un segundo acordo de colaboración garante o financiamento do programa ‘EsTalMat-Pi’ para a busca de novos talentos matemáticos entre os estudantes de secundaria

O reitor da USC, Juan Casares, asinou en Lugo un convenio de colaboración coa Deputación desta provincia para a colaboración entre as dúas institucións no desenvolvemento nos proxectos ‘Nomes e Voces’ e ‘EsTalMat-Pi’. O proxecto de investigación Nomes e Voces naceu en 2006 a través dun acordo das tres universidades galegas coa Consellería de Cultura, co obxectivo de estudar a represión en Galicia durante a guerra civil e o franquismo, recompilar información e ofrecer datos relativos ás vítimas. O proxecto pretende desenvolver unha investigación histórica profunda e completa sobre a guerra civil e os primeiros anos da ditadura franquista, con especial atención aos asasinados e represaliados durante ese período. O traballo principal céntrase na pescuda dos nomes, das voces e dos lugares da represión. Segundo os seus responsables, “desde o rigor da disciplina histórica, preténdese cubrir os baleiros existentes sobre este período histórico: en primeiro lugar, poñer ao servizo da sociedade galega os nomes das vítimas do franquismo, a través dunha base de datos específica que recolla os principais datos de cada persoa. Ao tempo, recoller as voces dos que pasaron polo cárcere, o exilio ou estiveron agochados, así como as lembranzas dos seus familiares máis achegados. E por último, botar luz sobre os lugares nos que se concretou esa represión”. Para o desenvolvemento deste labor púxose en funcionamento un grupo de investigación onde están presentes os máximos especialistas na temática da represión en Galicia, dirixidos polo catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto. Programa EsTalMat-Pi O proxecto EsTalMat-Galicia (Estímulo do Talento Matemático) ten por obxectivo detectar, orientar e estimular de xeito continuado o talento matemático de estudantes dos primeiros cursos de secundaria. Forma parte do proxecto EsTalMat-España, que se desenvolve en varias comunidades españolas, entre elas Galicia: o proxecto EsTalMat-Galicia está dirixido desde a Facultade de Matemáticas da USC e conta cun equipo docente de 25 profesores de matemáticas de ensino medio e das universidades galegas dirixido polo catedrático Juan Viaño. Dentro do Proxecto EsTalMat, EsTalMat-Pi integra o conxunto de actividades que se lles ofrecen aos estudantes que rematan os dous primeiros anos de EsTalMat, para que non perdan o contacto e a afección polas matemáticas que levan dentro. En Galicia, o EsTalMat-Pi abrangue outros dous cursos, que serían o terceiro e o cuarto da súa formación dentro do proxecto. As sesións de EsTalMat-Pi desenvólvense na súa maior parte na Facultade de Matemáticas da USC, e a elas asisten os 25 alumnos de toda Galicia que en cada curso son seleccionados para formar parte do proxecto.

The contents of this page were updated on 06.21.2012.