Skip to main content
STG

Os Estatutos da Universidade de Santiago non acadan os votos necesarios

Faltaron dous votos para a maioría absoluta

Os Estatutos da Universidade de Santiago non acadaron este mércores os votos necesarios para a súa aprobación polo Claustro universitario. Reunido en sesión extraordinaria na Facultade de Psicoloxía, este órgano de goberno emitiu para o texto estatutario 145 votos a favor, 29 en contra e 3 brancos, quedando así só a dous votos da maioría absoluta. Ao texto estatutario presentado pola comisión encargada da súa redacción, presidida polo profesor Juan Monterroso, presentáronse un total de 34 emendas, das que a maioría foron rexeitadas. O secretario da comisión, o profesor Míguez Macho, era o encargado da defensa do texto. Tras o debate de emendas, agás a Liga Estudantil Galega que expresou o seu voto negativo, os representantes de +Ideas, Universidade Aberta, A Trabe e CUPAS explicaron o seu ‘si’ a uns estatutos que “aínda que mellorables, son bos”. 16 anos de traballo Nesta mesma xuntanza, o profesor Florencio Arce deu conta na sesión dos seus últimos informes como Valedor correspondentes aos cursos 2008-2009, 2009-2010 e 2010-2011, toda vez que abandona o posto logo de 16 anos de traballo. A única candidata que se presentaba para substituílo, a catedrática Raquel Castillejo, tampouco acadou a maioría absoluta requirida. O informe serviulle ao profesor Arce para expresar o seu agradecemento pola colaboración recibida por parte de todos os órganos e membros da comunidade universitaria no desenvolvemento das súas funcións. As palabras de agradecemento estendeunas o Valedor ao conxunto da comunidade, ao propio Claustro e en especial a todas as persoas que formaron parte da Comisión de Asesoramento e Axuda “pola comprensión e o apoio” prestado en todo momento. As verbas do profesor Arce tiveron réplica nunha ovación do conxunto dos colectivos universitarios presentes na xuntanza como recoñecemento ao labor desenvolvido e a modo de agradecemento pola xestión realizada. Informe de tres anos Como explicou, o número de queixas tramitadas ascendeu a 49 en 2008-2009; 50 no curso seguinte e 61 no pasado. Das presentadas no primeiro período 36 procederon de estudantes, 6 do PDI e 7 do PAS. O 64 por cento destas foron tramitadas no prazo dun mes. Os principais motivos estiveron relacionados con 3º ciclo, posgrao e formación continua, con planos de estudo e validacións, con docencia e avaliación académica e con conciliación da vida persoal e laboral. No curso seguinte o Valedor tramitou medio cento de queixas, 39 do estudantado, 8 do PDI e 3 do PAS, das que o 76 por cento se tramitaron no prazo máximo de dous meses. O maior número de queixas estivo relacionado con planos de estudo e validación (8 casos); 3º Ciclo, posgrao e formación continua (7); matrícula e outros procedementos (5); docencia (4); servizos á comunidade universitaria (4); procedemento de selección de persoal (4); e programas de intercambio (4).

O cadro complétase cos datos relativos ao pasado curso, 2010-2011, no que se contabilizaron 61 queixas, das que 45 procedían do estudantado, 10 do PDI, 5 do PAS e 1 doutros colectivos. Neste curso, o 93 dos temas propostas foran tramitados antes do remate do terceiro mes. O maior número de consultas neste curso estiveron relacionados con cuestións de matrícula (9), servizos á comunidade universitaria (9), docencia (6), programas de intercambio (6), plans de estudo e validacións (5), 3º ciclo, posgrao e formación continua (4), e reivindicacións do ámbito laboral (4).

The contents of this page were updated on 04.25.2012.