A Sociedade Española de Historia da Psicoloxía celebra en Santiago o seu 25 aniversario

A Universidade de Santiago é este ano a anfitrioa da Sociedade Española de Historia da Psicoloxía (SEHP), que desenvolve na cidade o seu simposio anual coincidindo co seu 25 aniversario. Organizado pola Área de Psicoloxía básica da Facultade compostelá de Psicoloxía, o evento científico discorrerá ata o sábado no Mosteiro de San Martín Pinario. A apertura oficial estivo presidida polo reitor Juan Casares Long e a ela asistiron ademais o alcalde da cidade, Ángel Currás; a decana da Facultade de Psicoloxía, Carolina Tinajero; a presidenta da SEHP, Milagros Sáiz; e a presidenat do comité organizador, a profesora da USC Mar Bernal. A continuación interveu José María Gondra Rezola, que como presidente que foi da SEHP fixo unha lembranza dos seus 25 anos de historia. Profesor retirado da Universidade do País Vasco, Gondra é membro de Cheiron, a sociedade internacional para a historia das ciencias sociais e do comportamento. Ademais do de apertura, o congreso contempla outros tres relatorios principais a cargo do prestixioso catedrático Helio Carpintero Capell, primeiro presidente da SEHP; do doutor de Psicoloxía experimental na Universidade de Coímbra (Portugal) Armando Mónica de Oliveira; e do catedrático de Psicoloxía Básica da USC Alfredo Campos García, fundador e director do Laboratorio de Psicoloxía do Colexio Universitario de Ourense, pioneiro en España na ensinanza da psicoloxía. A historia da psicoloxía en Galicia e en España, os estudos sobre o desenvolvemento histórico da investigación dos procesos psicolóxicos básicos, as mulleres ou as raíces das escolas e sistemas psicolóxicos serán algúns dos temas a tratar no encontro.