A USC recada preto de 20.000 euros na Olimpíada Solidaria de Estudo para a rehabilitación de catro escolas en Haití
Un total de 19.859 horas de estudo, convertidas en outros tantos euros, foi o resultado na oitava Olimpíada Solidaria de Estudo, que entre o 5 de novembro e 5 de decembro pasados, se desenvolveu na Universidade de Santiago de Compostela. Trátase de catro mil cincocentos euros máis que a pasada edición, na que recadaron 15.272 € por horas de aprendizaxe realizadas nas salas e bibliotecas dos campus compostelá e lugués. A falta dos resultados globais, Galicia foi a comunidade española que rexistrou un maior número de participantes fronte ao segundo posto acadado en 2009. Unhas cifras que tamén teñen o seu reflexo na universidade compostelá, que se sitúa á cabeza en número de horas solidarias de estudo. A olimpíada solidaria, na que participan centros e entidades de 15 países distintos, está organizada pola Fundación Coopera e Cooperación Internacional e ten por obxecto recadar fondos para proxectos educativos. Na USC esta colaboración realízase a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua. Concretamente, 18 centros do campus de Santiago e 3 do de Lugo involucráronse na oitava edición desta campaña solidaria. O diñeiro recadado en 2010 irá destinado á rehabilitación de catro escolas en Haití e á reinserción escolar de 4.832 nenos dende o punto de vista físico e psicolóxico. Cabe recordar que o país sufriu hai preto dun ano un terremoto que deixou a preto de setecentos mil nenos en idade escolar sen colexios. Datos No que respecta aos resultados obtidos na USC, hai que salientar que a universidade compostelá segue a incrementar notablemente a súa participación nesta actividade solidaria. Concretamente, aumentou en 4.587 as horas de estudo solidario respecto á campaña desenvolta en 2009. Por centros, destaca a biblioteca Concepción Arenal, situada no Campus Vida de Santiago, con 5.708 euros recadados por outras tantas horas de aprendizaxe. A continuación, séguenlle a sala de estudo da Facultade de Farmacia con 2.141 horas, a biblioteca Intercentros de Lugo con 1.981 e Física con 1.508. Tamén cabe salientar que a participación feminina duplicou á masculina no cómputo total de horas rexistradas e foi maior en case todos os centros, tal e como de detalla a continuación.
CENTRO HOMES MULLERES HORAS B. de Maxisterio (Lugo) 11 131 142 B. Intercentros (Lugo) 713 1268 1981 B. Xeral 246 879 1125 B. X. Concepción Arenal 1342 4366 5708 E.T.S. Enxeñaría 504 852 1356 Bioloxía 222 323 545 Ciencias da Comunicación 173 46 219 C.C. Económicas e Empresariais 144 551 695 Farmacia 520 1621 2141 Filoloxía 144 835 979 Filosofía 11 29 40 Física 853 655 1508 Matemáticas 239 860 1099 Medicina 203 517 720 Psicoloxía 63 443 506 Química 95 398 493 Veterinaria (Lugo) 159 110 269 Xeografía e Historia 141 192 333 TOTAL 5783 14076 19859