O Programa para Deixar de Fumar da USC tratou a máis de dez mil fumadores nos seus case 25 anos de existencia
O Programa da USC para Deixar de Fumar superará dentro de poucas semanas a barreira dos 25 anos de existencia. Iniciado na Facultade de Psicoloxía en 1984 polo profesor Elisardo Becoña, este tratamento psicolóxico aplicouse en todo este tempo a máis de 10.000 fumadores. Actualmente o programa manéxano, cunha moi boa aceptación e eficacia, non só os psicólogos da Unidade de Tabaquismo da USC senón tamén outros profesionais na súa práctica clínica cotiá.
Os avances últimos no control do tabaquismo, apreciables desde a entrada en vigor da lei en España, non son aínda “suficientes” para conseguir que as persoas deixen de fumar, sinala o profesor Becoña. Por outra banda, hai moitos fumadores que o desexan “pero no saben como facelo ou non son capaces de conseguilo pola súa conta”. É entón, matiza, “cando precisan axuda profesional” como a que se vén prestando na USC.
Os responsables do programa publicaron recentemente dous importantes artigos nas revistas de referencia internacional no campo das adiccións Nicotine & Tobacco Research e Addictive Behaviors. Ademais, editouse a versión actualizada do ‘Programa para deixar de fumar’ en formato de autoaxuda e que tivo unha gran difusión nas súa distintas edicións (a primeira por parte da USC en 1993).
A Unidade de Tabaquismo que dirixe o catedrático Becoña conta con diversos programas tales dirixidos a fumadores en xeral, aos altamente dependentes, aos que teñen patoloxías físicas ou trastornos psicolóxicos e, por último, un programa para deixar de fumar por correo. Os interesados non teñen máis que chamar aos teléfonos 981 547146 ou 981 563100, extensión 13939.