A secretaria xeral de Institucións Penitenciarias aboga na USC pola prevención como vía para combater a criminalidade

Dedicado ao tema ‘Criminalidade e risco: predición e prevención’, o VI Congreso Nacional de Criminoloxía quedou inaugurado este xoves 18 no Colexio de Fonseca. Este encontro de carácter anual organízao dende o ano 2004, a Sociedad Española de Investigación Criminológica (SEIC) en conxunto coa Federación de Asociacións de Criminólogos de España (FACE).
A sesión inaugural do congreso presidiuna o vicerreitor de Profesorado e Organización Académica, Juan Viaño, xunto ao que tamén estiveron presentes a secretaria xeral de Institucións Penitenciarias do Ministerio do Interior, Mercedes Gallizo; a secretaria xeral de Familia e Benestar Social da Xunta, Susana López; o presidente do Comité Organizador do encontro, o profesor Jorge Sobral; o presidente da SEIC, Gonzalo Escobar; o presidente da FACE, Antonio García; e a coordinadora de UDIPRE, a profesora Mª Ángeles Luengo.
Na sesión, Mercedes Gallizo subliñou a oportunidade do tema deste congreso xa que “o combate contra a criminalidade ten que pasar pola reflexión e a prevención”, e lembrou que o número de presos “aumenta constantemente, un 10% nos últimos anos, en concreto en 2008, houbo 6.000 presos máis”.
Na actualidade 150.000 persoas atópanse sometidas á intervención penal e destas 66.000 atópanse en prisón. Ademais, o35% dos internos das prisións españolas son estranxeiros, sendo a drogodependencia unha das causas fundamentais da delincuencia. Á vista destes datos, Gallizo considera que a institución penitenciaria “pode e debe contribuír a que teñamos unha sociedade máis segura e máis xusta”. Para concluír agradeceu á USC a organización deste congreso, porque considera que “a voz dos expertos debe unirse ás accións políticas”.
Máximo experto mundial en psicopatíasConsiderado o máximo experto mundial no estudo da psicoloxía dos psicópatas criminais, o profesor Robert Hare, da Universidade canadense British Columbia, pronunciou a continuación a conferencia inaugural deste congreso, baixo o título ‘Psicopatía e predición do risco de reincidencia’.
"Hoxe temos unha boa radiografía do carácter dos psicópatas grazas ao traballo do profesor Hare”, explicou o catedrático de Psicoloxía Criminal, Jorge Sobral, na presentación do conferenciante. Xa na conferencia, Hare mostrouse convencido de que nas psicopatías a compoñente xenética é fundamental, se ben tamén inflúen outros factores de tipo social e educativo.
Para o experto mundial o psicópata é un “idiota emocional” que se expresa na máis absoluta insensibilidade e incapacidade para comprender a alteridade. Nas súas teorías móstraos como persoas incapacitadas para o remordemento e o sentimento de culpa. E para o seu diagnóstico, explicou, o principal problema é que eles mesmos non se conciben como alguén patolóxico, ademais de ser a tendencia á mentira “unha característica principal da súa personalidade”. Subliñou Roberto Hare tamén a importancia da intervención na infancia –liña na que está a estudar a USC-. “É moi difícil tratar a psicopatía nun adulto”, explicou.
Estudos realizados no Reino Unido e en Estados Unidos permiten falar de que o un por cento da poboación “podería ser psicópata”, o que non supón “que teña que manifestarse violentamente”, advertiu.
O doutor Hare é responsable dun método para o diagnóstico das psicopatías que alcanzou o máximo nivel de recoñecemento da comunidade científica, o PCL (Psychopathy Checklist). Ademais, ten dedicado gran parte da súa vida ao estudo da psicopatía e neste momento a súa obra é referencia ineludible na investigación sobre detección e predición da violencia criminal no eido mundial. O conferenciante mantén unha estreita colaboración co grupo Udipre da USC, que xunto con Camiña Social están a realizar un estudo co obxecto de elaborar protocolos para avaliar o risco en menores.
Programa do venresO programa, que se vai estender na Facultade de Psicoloxía ata o próximo sábado 20, tratará este venres cuestións asociadas á formación do criminólogo, ao tratamento penitenciario, a delincuencia organizada e á violencia nos máis novos, todos bloques temáticos paralelos ao redor dos que se articulan os relatorios programados.
Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, o fiscal de Sala do Tribunal Supremo coordinador de Seguridade Vial, Bartolomé Vargas Cabrera, pronunciará a conferencia plenaria da sesión falando sobre delincuencia de tráfico e criminoloxía. As restantes intervencións reflexionarán sobre os delitos contra a seguridade vial, seguridade nacional e crime, violencia doméstica e sobre medidas alternativas á prisión.
Na organización do congreso, xunto a Mª Ángeles Luego e Jorge Sobral, figuran Estrella Romero, presidenta do Comité Científico; Xosé Antón Fraguela, coordinador do encontro; e Paula Villar Torres, secretaria do Congreso.