Skip to main content
STG

Máis de noventa novos investigadores debaten na USC sobre neurociencia

A IV Xornada para Novos Investigadores en Neurociencia celebrouse este martes na Facultade de Medicina con máis de noventa participantes co obxectivo de dinamizar a discusión sobre os últimos traballos científicos neste eido e crear un marco idóneo de debate.
Ao acto de apertura asistiron o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido; as vicerreitoras de Investigación e de Profesorado da USC, María José Alonso e María Dolores Domínguez; respectivamente; a secretaria do centro, Ángela Peñalva; e os responsables do Programa Interuniversitario de Neurociencia das tres universidades galegas.
Logo, o recoñecido investigador internacional e profesor da Universidade estadounidense de Pensilvania Zissimos Mourelatos pronunciou a conferencia ‘Pequenos ARNes reguladores: bioxénese e función’ que presentou a coordinadora do evento, Celina Rodicio.
O resto da sesión matinal centrouse en cuestións de neuroanatomía como os efectos do exercicio físico. No transcurso deste relatorio, o novo investigador Daniel de Sousa mostrou os resultados de comparar o exercicio físico en modelos animais demostrando que “practicar deporte evita o avellentamento neuronal en determinadas partes do cerebro”.
Outros científicos explicaron a busca de biomarcadores periféricos en trastornos do estado do ánimo ou o caso de peces cartilaginosos. Tamén se abordaron aspectos de neurofisioloxía entre os que destaca a achega experimental a un proceso de discriminación sensorial ou o estudo dos receptores olfativos en troitas comúns e peixes cebras.

Sesión vespertinaXa pola tarde, trátanse investigacións de neurofarmacoloxía, neuroxenómica e neuroproteómica e de psicobioloxía e psiquiatría con charlas acerca dos cambios asociados ao avellentamento normal ou análise de compostos activos sobre un receptor de serotonina, entre outras.
Os expertos tamén profundan na hormona do crecemento e a súa relación coa recuperación da parálise de cordas vocais ou nunha investigación sobre o cerebro de lamprea adulta. A clausura ten lugar ás 19:15 horas na Aula Castelao da Facultade de Medicina co coloquio ‘Perspectivas sobre a carreira investigadora en neurociencia, onde estamos e cara onde imos?’.
A xornada celébrase anualmente variando o lugar entre as tres Universidades galegas porque a maior parte dos participantes pertencen ao Programa Oficial de Posgrao en Neurociencias, a través do que se obtén en Galicia o título de Doutor e Master.

The contents of this page were updated on 07.22.2008.