Skip to main content
STG

A Facultade de Farmacia celebra o seu 150 aniversario cun libro que pon de manifesto a capacidade docente e investigadora deste centro compostelá

De esquerda a dereita: a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de A Coruña, Rosa Lendoiro; o secretario executivo do Consello Social, Benigno Carril; o decano da Facultade de Farmacia, José Miñones;...
De esquerda a dereita: a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de A Coruña, Rosa Lendoiro; o secretario executivo do Consello Social, Benigno Carril; o decano da Facultade de Farmacia, José Miñones;...
A obra, editada polo Servizo de Publicacións da USC, inspírase noutro texto publicado con motivo do centenario do centro en 1957

A Facultade de Farmacia da USC conmemorou este venres o seu 150 aniversario coa presentación do libro De Pharmaceutica Scienta. 150 Años de la Facultad de Farmacia (1857- 2007) no que profesores da USC repasan a historia, plans de estudo e anécdotas deste centro docente. O acto estivo presidido pola vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso, quen subliñou a importancia desta obra que pon de manifesto a capacidade docente e investigadora dun centro que xa é un “referente nacional”.
Á presentación tamén asistiron o decano da Facultade de Farmacia, José Miñones; o secretario executivo do Consello Social, Benigno Carril; a secretaria xeral da Subdirección Xeral de Farmacia e Produtos Sanitarios, Cristina Rey Barbosa; a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de A Coruña, Rosa María Lendoiro; Juan Conde Roa como representante do Consorcio de Santiago; e o coordinador da publicación, Santiago Sanmartín, xunto coa súa axudante Beatriz Brasa.
No transcurso do encontro, José Miñones lembrou que o libro se inspira na obra Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago escrita por Luís Maíz Elícegui e publicada con motivo do centenario da Facultade en 1957. Nesa publicación, que acadou unha “enorme acollida”, non só se recollían as vivencias dos cen anos de vida do centro, senón tamén os seus antecedentes no Colexio de Farmacia de San Carlos. Santiago Sanmartín tamén subliñou a relevancia desta obra dos anos 60 na que se aportaba unha gran cantidade de datos que foi necesario explicar coa actual publicación. Así, o novo libro profunda exhaustivamente no desenvolvemento da Farmacia en Compostela ao longo do XIX.
Do século XX e das épocas máis recentes desta facultade falou a doutoranda e axudante da coordinación da obra Beatriz Brasa quen explicou os cambios levados a cabo no centro docente co obxectivo de adaptarse ás solicitudes que a sociedade demandaba.
Pola súa banda, Rosa Lendoiro felicitou aos responsables da Facultade polo seu 150 aniversario e pola publicación dunha obra que “alimenta e anima a un colectivo profesional máis vivo ca nunca”.
Historia, cátedra e vivenciasA nova publicación divídese en tres apartados, ‘A Historia’, ‘Ex Cátedra’ e ‘Extra Cátedra’. Na primeira parte explícanse os plans de estudo, a organización do centro, a docencia, o alumnado ou a biblioteca dende o século XIX ata a actualidade, ademais de ofrecer datos sobre os antecedentes do Xardín Botánico de Fonseca, o Museo de Farmacia de Galicia ‘Aniceto Charro’ e unha recompilación dos decanos do centro durante estes 150 anos.
Xa en ‘Ex Cátedra’ recóllense os cursos de posgrao da facultade, as biografías de diversos farmacéuticos ilustres ou información sobre a relación coa industria farmacéutica e cos Colexios Oficiais de Galicia. Na mesma liña, os capítulos dedicados ás vivencias nesta facultade, relatan as diferentes historias vividas por protagonistas da facultade dende a posguerra, pasando polos anos de transición democrática ata a actualidade.
Finalmente, a obra informa na terceira parte sobre os Xogos Universitarios Nacionais de Farmacia en 1973, a tuna, os deportes ou a Asociación de Antigos Alumnos do centro.
O doutor Santiago Sanmartín, vogal da Comisión do 150 Aniversario da Facultade de Farmacia, coordinou a creación desta obra incluída na tese que, actualmente, está a realizar a doutoranda de Historia da Farmacia Beatriz Brasa. Editada polo Servizo de Publicacións da USC, esta obra realizouse coa colaboración da Xunta de Galicia, Consorcio de Santiago, a Fundación do Banco Santander, dúas cooperativas farmacéuticas galegas e dos catro Colexios Oficiais Farmacéuticos de Galicia.

The contents of this page were updated on 04.27.2007.