Skip to main content
STG

O Premio Príncipe de Asturias Amable Liñán impartiu unha conferencia na Facultade de Matemáticas sobre o fluxo de entrada e saída de condutos

O Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica (1993), Amable Liñán, ofreceu este luns, día 2 de xullo, unha conferencia no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas titulada ‘Fluxo de entrada e saída de condutos’.
Amable Liñán, catedrático de Mecánica de Fluídos dende 1965 na Universidade Politécnica de Madrid, é doutor enxeñeiro aeronáutico pola Universidade Politécnica de Madrid e enxeñeiro aeronáutico polo California Institute of Technology. Ademais, foi enxeñeiro investigador no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (1960-1976).
Na súa vertente académica, exerceu a docencia como profesor convidado nas universidades de California (San Diego), Michigan, Princeton, Marsella e París VI, así como profesor adxunto da Universidade de Yale dende 1997. Ademais, é autor de máis de 130 publicacións en revistas nacionais e internacionais en Mecánica de Fluídos e Combustión, e coautor, con Forman Williams, do libro Fundamentals of Combustion Science (Oxford University Press, 1993).
Premio Príncipe de AsturiasNo ano 1993 foille concedido o Premio Príncipe de Asturias no apartado de Investigación e Técnica en recoñecemento ás súas contribucións fundamentais en termoquímica de fluídos, decisivas para o entendemento dos procesos de combustión nos seus diversos réximes, así como dos fenómenos de ignición e extinción de chamas en medios inhomoxéneos, con aplicación aos motores da aeronáutica. Ademais, o galardón pretendía recoñecer a orixinalidade, creatividade e fecundidade dos seus métodos matemáticos, amplamente difundidos e usados en todo o mundo.
Xunto este recoñecemento, Amable Liñán é doutor Honoris Causa polas universidades Carlos III e Zaragoza, así como Premio Castela e León de Investigación Científica e Técnica (1995), Medalla de Ouro da Universidade Politécnica de Madrid (1993) e Medalla de Ouro Zeldovich do Combustion Institute (1994).
Ademais, é membro da Real Academia de Ciencias e membro Asociado estranxeiro da Academia de Ciencias de Francia, membro correspondente da Academia de Enxeñaría de México e da Academia Canaria de Ciencias, e fellow do Institute of Physics e da American Physical Society.

The contents of this page were updated on 07.02.2007.