A defensa da universidade pública marca o San Tomé

O reitor da USC, Antonio López, defende a pertinencia dunha universidade pública e con vocación feminista en aras a acadar a igualdade efectiva entre mulleres e homes en todas as ordes da vida, segundo manifestou este luns no acto académico conmemorativo da festividade de San Tomé, unha sesión celebrada na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo. O reitor reivindicou de novo na súa intervención a necesidade dun novo plan plurianual de financiamento que permita á USC dispoñer dos recursos imprescindibles para atender ás necesidades reais e investir no futuro desde a autonomía real. “Temos claro quen somos e cara a onde imos. Queremos máis fondos e queremos poder dispoñer deles, de xeito que nos permitan atender ao desenvolvemento de políticas propias", sinalou. "Pedimos máis autonomía a cambio dun compromiso firme e decidido de rendición de contas, diante das administracións e tamén diante da sociedade”, dixo.
A celebración en 2020 do Ano Concepción Arenal, unha galega da que o venres 31 se conmemora o bicentenario do seu nacemento en Ferrol e que pola súa pegada merece un lugar destacado ao tratarse dunha das pensadoras máis avanzadas e importantes do século XIX ao dedicar a súa vida á defensa da muller, á reforma penal e, entre outros cometidos, á causa obreira, serviu de comezo do discurso de San Tomé ao reitor da USC. Logo de repasar as múltiples vicisitudes históricas e o cambio cultural que foi necesario para abrir as portas da educación superior ás mulleres, López fixo tamén un chamamento a traballar a prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres, dentro é fóra da Universidade, ao tempo que condenou de xeito taxativo a “vergoñenta” violencia machista.
A presenza de mulleres nos estamentos máis altos da carreira universitaria é aínda moi inferior á dos homes, lembrou Antonio López, quen tamén cualificou de “exigua” a porcentaxe de mulleres en estudos de enxeñaría, tecnoloxía ou matemáticas, nos que o alumnado feminino non acada nin o 20 %. Fronte a esta realidade, o reitor urxe a posta en marcha do III Plan de Igualdade da USC para achegar a muller a ámbitos laborais demandados e con amplas posibilidades de desenvolvemento profesional.
A cuestión lingüística, o compromiso da USC coa promoción do galego e unha lembranza explícita á figura de Ricardo Carvalho Calero, a quen a Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras Galegas logo de que ocupara en 1972 a primeira cátedra de Lingua e Literatura Galega da USC, centraron outras das reflexións previas compartidas por Antonio López antes de emprender unha viva defensa da Universidade pública.
“Non deixa de ser chocante que despois de 525 anos de historia USC sexa preciso hoxe seguir a xustificar e a defender a universidade pública. E non porque o ensino superior estea en crise, senón polo crecente interese que está a espertar por parte da iniciativa privada”, sinalou o reitor da USC, para logo engadir que as arredor de 11.000 prazas de novo ingreso que cada ano oferta o Sistema Universitario Galego cobren con certa folgura os arredor de 10.000 estudantes que queren acceder ás nosas aulas despois de superaren as probas de acceso.
O impacto económico das universidades públicas españolas, que xeran 180.000 empregos directos, equivale ao 2,12% do PIB. Daquela, por cada euro investido polas administracións no seu financiamento as universidades devolven 4,3 euros en impostos, lembrou o reitor. López tamén fixo fincapé no aínda maior impacto social que depara o ensino superior, “a variable que máis favorece a mobilidade social ascendente, e reduce o risco de mobilidade interxeracional descendente”.
Campus de Lugo
As apostas específicas da USC para o Campus de Lugo, mereceron, alén dos plans de persoal, financiamento, infraestruturas e demais cuestións de carácter transversal para o conxunto da comunidade universitaria, un apartado destacado no discurso do reitor. Antonio López reiterou que o incremento substancial do número de alumnos na sede universitaria luguesa segue a ser un obxectivo esencial cara o que a USC prevé avanzar o próximo curso 2020-21 coa implantación dos novos títulos en Bioquímica e Empresa e Tecnoloxía. A estes dous novos graos, "aos que agardamos un éxito semellante ao experimentado o curso pasado con Robótica", dixo, cómpre engadir a proposta de título que se formule desde a Facultade de Humanidades, un ámbito de coñecemento que ten cabida e está chamado a integrarse coa formación tecnolóxica, sinalou.
A potenciación da investigación que se desenvolve no Campus de Lugo, unha produción científica con personalidade propia ligada aos sectores agrogandeiro e forestal que sitúa a USC nos ámbitos nacional e internacional, arredor de estruturas de I+D+i sólidas, estables e de carácter interdisciplinar como a Agrupación Estratéxica do Campus Terra BioReDes ou mesmo o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), constitúe outra das prioridades para o goberno. A USC tamén prevé asemade aproveitar o posible traslado da Facultade de Formación do Profesorado ao campus para mellorar as dotacións de servizos e equipamentos da sede universitaria luguesa, explicou Antonio López.
Lección maxistral
A catedrática da Área de Filoloxía Francesa da USC na Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, pronunciou a lección maxistral do acto académico conmemorativo da festividade de San Tomé, unha intervención na que, baixo o título ‘Novos estereotipos lingüísticos e redes sociais’, afondou na relación existente entre as convencións sociais, moldes ou estereotipos e a forma de comunicación, unha nova linguaxe simple e telegráfica que lle engade unha gran potencia comunicativa, pero que ao mesmo tempo dificulta a precisión e os matices que conforman as ideas e os conceptos.
Representación académica e de autoridades
A cerimonia académica de San Tomé congregou numerosas autoridades dos ámbitos político, académico, científico, cultural e social, entre os que se atopaban a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o secretario Xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o xefe territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey, deputados provinciais e nacionais, senadores, parlamentarios autonómicos, concelleiros, así como outros representantes políticos, do tecido empresarial, de colexios profesionais e demais autoridades.
A representación académica tamén foi moi numerosa nesta celebración da festividade de San Tomé. Así, alén do equipo de goberno da USC liderado por Antonio López, que estivo arroupado pola vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo e polos responsables das demais vicerreitorías da USC, o acto académico tamén contou coa participación da secretaria Xeral da USC e do equipo de Xerencia, ademais dunha ampla representación de decanos e directores de centros universitarios, docentes e persoal de administración e servizos da institución académica.


