Ansiedade e depresión, impacto do confinamento entre os universitarios

Ansiedade, estrés e depresión constitúen a principal pegada psicolóxica provocada polo confinamento entre o estudantado universitario, segundo se desprende dos resultados preliminares do estudo COnVIDa-20, unha iniciativa impulsada por membros dos grupos de investigación Procesos Cognitivos e Conduta e Underisk da Facultade de Psicoloxía da USC co obxecto de comprender os desafíos psicolóxicos e sociais aos que se está a enfrontar a comunidade estudantil. As persoas interesadas en responder a este cuestionario en liña de carácter anónimo que segue aberto e accesible na rede tanto na súa versión en galego como en castelán.
O primeiro avance de resultados deste estudo, que recollen a análise das primeiras 482 enquisas recibidas, arroxa datos alarmantes respecto do impacto psicolóxico que tivo o confinamento por mor da COVID-19 entre os universitarios galegos, mozos e mozas que, en dous de cada tres casos, recoñecen un claro empobrecemento do seu grao de benestar e tamén da súa saúde mental.
O estrés, a ansiedade e a depresión son os novos compañeiros de clase na situación emocionalmente negativa xerada pola pandemia e por unha experiencia de confinamento á que os estudantes consultados retratan na súa maioría coas palabras incerteza, agobio, estrés, ansiedade, tristura, preocupación ou soidade. No plano dos sentimentos positivos evocados nestas semanas, o estudo salienta, aínda que con menos frecuencia, termos como fogar, traballo, familia e esperanza.
Hábitos e estilos de vida menos saudables, como o aumento da inxesta de alimentos, menos exercicio físico, alteración das rutinas do sono ou a menor comunicación coas amistades son outros dos efectos provocados pola COVID-19 entre o alumnado universitario. A enquisa ConVIDa-20 revela que os estudantes que se senten peor son os que pasan máis tempo nas redes sociais e dormen menos. Un 60% das persoas consultadas amosa indicios significativos de ansiedade xeneralizada e a máis da metade dos estudantes que tomaron parte neste estudo tamén poderían ter síntomas significativos de depresión, unha situación que podería ser grave en máis do17% dos casos.
Estresores, afrontamento e apoio social
O estudo preliminar de COnVIDa-20 permite identificar cinco grandes grupos de estresores ou factores de estrés académico, así como relativos ao distanciamento social, á convivencia, ás consecuencias sociais da pandemia e de sobrecargo, en termos xenerais. O maior factor de estrés apuntado está relacionada cos procesos de avaliación académica e a falta de contacto presencial coas persoas queridas, ademais de coa incerteza asociada á crise social e sanitaria e ao futuro laboral. Os estresores ligados á convivencia están máis asociados coa depresión e o empeoramento da saúde mental, sinalan os promotores deste estudo, que asociación a preocupación pola pandemia con episodios de ansiedade.
O estudo COnVIDa-20 tamén detalla catro formas diferentes coas que os estudantes afrontan esta situación e que van desde a adopción de estratexias orientadas aos outros, implicación en actividades lúdicas ou de distracción, rutinas e estratexias de reenfoque cognitivo. Aceptar a situación e tratar de sacar conclusións positivas semella, na opinión dos autores do estudo, a opción que depara un maior grao de benestar.
Os datos analizados desta enquisa revelan que o apoio percibido polo estudantado é, en xeral alto, no caso das súas familias, amistades e parellas. Este respaldo é menor no caso dos compañeiros e asociacións estudantís, e “realmente baixo” por parte do profesorado e da institución universitaria, nun senso máis amplo. Esta cuestión é crítica toda vez que as persoas que perciben máis apoio social denotan menos estrés, máis sentido de comunidade e mellor saúde mental, un parámetro que presenta peores indicadores no caso das mozas universitarias consultadas.