Skip to main content
STG

Unha xornada no CEA orienta o persoal investigador sobre as axudas do European Research Council

De esquerda a dereita Estefanía Muñoz, Vicente Pérez e Fernando Sedano. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita Estefanía Muñoz, Vicente Pérez e Fernando Sedano. Foto: Santi Alvite
A xornada piloto ‘ERC Reading Days’ está promovida pola FECYT e facilita a posibles candidatos/as mostras de proxectos financiadas en convocatorias previas para a súa consulta e debate

O CEA acolle este luns a xornada ‘ERC Reading Days’ promovida pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía en colaboración coa colaboración da USC. Esta é unha experiencia piloto que terá lugar en diversas localizacións do Estado, dirixida a posibles candidatos/as que aspiren a presentarse á convocatoria 2022 das axudas que xestiona o European Research Council (ERC), no marco de Horizonte Europa, e especificamente aos programas Starting Grant, Consolidator Grant e Advanced Grant.

O obxectivo é que as persoas teñan a posibilidade de ler propostas que resultaron financiadas neste Programa nalgunha das pasadas convocatorias de Horizonte 2020 e que foron cedidas polos beneficiarios das mesmas. O vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez, inaugurou a xornada xunto con Estefanía Muñoz Sánchez, en representación da FECYT; e Fernando Sedano, responsable da sub-área de Proxectos Internacionais da USC. No CEA da USC, participaron de xeito presencial preto dunha vintena de persoas, seleccionadas previamente, e que puideron ler as propostas e posteriormente comentar e presentar dúbidas ante a Punto de Contacto Nacional na FECYT que supervisou a xornada de man de Estefanía Muñoz.

Sala da reunión. Foto: Santi Alvite
Sala da reunión. Foto: Santi Alvite

ERC na USC

Na actualidade, a USC está implicada nun total de 16 proxectos financiados polo European Research Council a través dos seus distintos programas. Concretamente, actualmente atópanse activos catro contratos Starting Grant (StG) e un Advanced Grant (AdG) concedidos no contexto do sétimo programa marco de investigación da USC, ademais doutros once contratos ao abeiro do programa H2020. Deste último, contabilízanse cinco axudas StG, unha AdG e outras cinco do programa Consolidator Grant (CoG), ademais de dúas axudas Synergy Grant aprobadas en H2020, que a sitúa entre as seis universidades españolas con maior número de beneficiarios ERC.

A maiores, nos últimos anos, a USC atraeu a catro investigadores financiados polo ERC estranxeiros a través do programa Oportunius de GAIN.

The contents of this page were updated on 05.05.2023.