O tratamento en liña para deixar de fumar da USC obtén o mesmo grao de satisfacción que a súa versión presencial

Os tratamentos a través de videochamadas son unha opción factible para o abandono do consumo de tabaco. Así o conclúe a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC logo de adaptar o seu Programa para Deixar de Fumar a un formato en liña que está a obter un alto grao de satisfacción por parte dos seus pacientes. O equipo dirixido polo catedrático Elisardo Becoña e coordinado pola profesora Ana López Durán, acaba de presentar no congreso da European Society for Prevention Research (EUSPR) os resultados dun estudo que evidencia como o programa “obtén porcentaxes moi altas de satisfacción co tratamento, así como unha elevada asistencia ás sesións, non atopando diferenzas nos resultados obtidos entre o formato presencial e en liña”, sinalan os investigadores da USC.
Debido á pandemia producida pola COVID-19 e ás medidas implantadas como consecuencia desta, a Unidade de Tabaquismo adaptou o seu Programa para Deixar de Fumar a un formato en liña a través de videochamadas para poder deixar de fumar dende a casa. “O devandito Programa conforma un tratamento cun elevado nivel de eficacia e que xa foi avaliado en estudos de referencia a nivel nacional e internacional”, explican os responsables da Unidade. Trátase dun programa gratuíto que consta de oito sesións semanais dunha hora de duración en formato grupal.
“Actualmente estase realizando a través de videochamadas, polo que os participantes só necesitan dispoñer dun dispositivo electrónico con conexión a internet como pode ser unha tableta, computador ou teléfono móbil”, engaden. O estudo avaliou as posibles diferenzas entre o programa tradicional levado a cabo en formato presencial e a adaptación deste ao formato en liña. Os achados obtidos teñen implicacións clínicas importantes para os tratamentos para deixar de fumar, demostrando que as videochamadas son unha opción acaída para deixar de consumir xa que mostran altas taxas de adherencia e satisfacción similares ás obtidas polos tratamentos tradicionais.
No último mes, demandaron tratamento para deixar de fumar na Unidade a través do formato en liña máis de 60 persoas e empezaron xa o tratamento a maior parte delas. As persoas interesadas en deixar de fumar, poden solicitar información no teléfono 881 81 39 39 ou a través dos enderezos electrónicos elisardo.becona [at] usc.es (elisardo[dot]becona[at]usc[dot]es) ou ana.lopez [at] usc.es (ana[dot]lopez[at]usc[dot]es)