Bota a andar o novo Laboratorio universitario de innovación e economía social da USC

O Laboratorio universitario de innovación e economía social da USC (LIES_GA) nace co obxectivo de construír e consolidar un punto de encontro e referencia para as actividades de innovación e economía social no ámbito universitario galego. O LIES_GA que foi presentado este xoves na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais bota a andar grazas a un equipo de persoal docente e investigador deste centro da USC que busca outorgar visibilidade ao potencial da innovación social como vía de emprendemento e desenvolvemento profesional do alumnado universitario. No acto de presentación, tomou parte a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; o decano da Facultade Xoán Ramón Doldán; a profesora da USC Isabel Neira; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.
A vicerreitora aproveitou a súa intervención para poñer o foco en como este Laboratorio conxuga formación e investigación, deixando patente “a importancia de que o alumando tamén se forme en competencias transversais”. Nesta mesma liña pronunciouse o decano quen subliñou que o Laboratorio permitirá complementar a formación que se adquire na oferta de grao. Isabel Neira, pola súa parte, deu as grazas ás profesoras Loreto Fernández e María Bastida polo pulo que lle deron a este proxecto que se centra “nunha nova forma de innovación que xere beneficios na sociedade”. O representante da Xunta en materia de Universidades centrou a súa intervención na importancia do proxecto LIES_GA na medida en que incide “na formación específica e especializada” neste segmento da economía onde prima a solidariedade, a integración social, a sustentabilidade e o compromiso co territorio ao tempo que “conecta” a actividade empresarial co sistema universitario.
Motor de dinamización
O LIES_GA traballará na realización de accións formativas, de divulgación e de asesoramento, de fomento do espírito emprendedor entre os mozos e mozas universitarios, así como actividades encamiñadas á creación e consolidación do autoemprego. O Laboratorio universitario de innovación e economía social de Galicia preséntase como un motor de dinamización e coñecemento que, en base ás súas actuacións, promove a investigación e a acción para contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade inclusiva, medioambientalmente responsable e economicamente sustentable. Neste senso, o Laboratorio Universitario de Innovación e Economía Social da USC vaille ofrecer aos universitarios formación no ámbito do emprendemento e a innovación como posible traxectoria profesional de autoemprego, cunha especial atención aos máis novos e ao emprego feminino.
Baixo a coordinación dun equipo de docentes da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, o proxecto acaba de finalizar a súa fase preparatoria. A partir de agora implementarase o seu desenvolvemento cun programa de formación destinado ao conxunto do estudantado universitario sobre Economía Social, e centrado particularmente na xestión económico-financeira das entidades que conforman este sector, e coa incorporación da Economía Social aos Traballos de Fin de Grao (TFG).
Ademais, o vindeiro día 30 de outubro, Loreto Fernández, unha das impulsoras do proxecto e profesora titular do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC, directora do Equipo GEM Galicia e investigadora adxunta ao Centro de Estudos Cooperativos da USC, participará na III Feira de Emprendedoras de Compostela presentando o LIES_GA ás persoas participantes e entidades alí reunidas.
