Skip to main content
STG

As universidades galegas e a Xunta acordan as bases do Plan de Financiamento Universitario de Galicia 2022-2026

De esquerda a dereita, Manuel Reigosa, Román Rodríguez, Antonio López e Julio Abalde. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Manuel Reigosa, Román Rodríguez, Antonio López e Julio Abalde. FOTO: Santi Alvite
De xeito paralelo, a administración autonómica e as institucións académicas traballarán de xeito inmediato na definición dun plan de infraestruturas
Lugo, Santiago de Compostela

Os reitores das tres universidades públicas galegas presentaron este luns xunto ao conselleiro de Cultura Educación e Universidade, Román Rodríguez, as bases do Plan de Financiamento Universitario de Galicia 2022-2026, un documento acordado entre as partes que mobilizará máis de 3.200 millóns de euros no vindeiro quinquenio. O reitor Antonio López subliñou que é “moi boa noticia que Galicia siga mantendo un plan de financiamento do sistema universitario para cinco anos máis”. Trátase dunha “peza absolutamente esencial” para que as universidades poidan operar con autonomía como se afirma na súa regulación. “Temos que ter certeza e previsión sobre cal é o noso escenario financeiro. E esta certeza achégaa un plan de financiamento”, engadiu.

A maiores destas contías, as partes traballarán na definición dun plan en materia de infraestruturas que está previsto que comece a impulsarse a inicios de 2022. O reitor da USC quixo poñer o foco en como de xeito parello ao Plan de Financiamento que se ocupa de cubrir o funcionamento ordinario da Universidade, este programa en materia de infraestruturas atenderá as necesidades específicas de cada institución logo duns anos nos que por falta de recursos “as infraestruturas sufriron falta de atención”. Deste xeito, traballarase na construción de novos equipamentos, o seu mantemento ou a rehabilitación dos xa existentes. No acto tamén participaron o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e da UDC, Julio Abalde

“Estamos diante dun acordo dunha gran transcendencia para as universidades galegas pero por suposto, por extensión, para o conxunto da sociedade tendo en conta o papel central que estas institucións ocupan na nosa sociedade”, explicou o conselleiro. “Un verdadeiro acordo que permitirá consolidar o papel das nosas universidades como referente dentro e fóra de España e que demostra que a capacidade de diálogo, a coordinación e a cooperación entre as administracións públicas son a chave para acadar acordos de país que nos fan avanzar como sociedade”, salientou.

Estrutura en dous fondos

A nova estrutura do Plan de Financiamento Universitario avanza no reparto de fondos baseado integramente en criterios/indicadores coñecidos, contrastables e homoxéneos. Deste xeito, as universidades coñecen de antemán as regras de reparto e os criterios que se teñen en conta, o que lles permite planificar estratexias para mellorar o seu financiamento. En calquera caso, mantense a estrutura en dous fondos diferenciados: financiamento non condicionado e financiamento da investigación.

O primeiro deles inclúe seis subfondos: custe estándar, gasto corrente e mantemento de infraestruturas, complementos retributivos e compensación por matrículas, custes asociados ao funcionamento do Sistema Universitario de Galicia (como é o caso dos Consellos Sociais), o novo Fondo de Estabilidade Financeira, Eficiencia e Mellora Estratéxica e o Panel de Indicadores vinculado ao cumprimento de resultados en máis de 40 criterios por parte de cada universidade. O segundo fondo, de financiamento da investigación, cubrirá todas as accións relativas ao fomento da I+D+i, a transferencia de coñecemento e a captación de talento en base a convocatorias de concorrencia competitiva (como as de axudas pre e posdoutorais ou de investigador distinguido) e convenios.

Eixos de actuación

O novo plan de financiamento centra as actuacións en seis eixos considerados fundamentais para a mellora dos resultados do Sistema Universitario de Galicia, e que sustentan tanto o Panel de Indicadores do Fondo non Condicionado como os principios para o seguimento social dos resultados do Plan. O primeiro deles será o financiamento, para o que se terá en conta a determinación do financiamento global das universidades, contabilizando todos os fondos que reciban fóra do plan, públicos e privados. Outro dos principais eixos é a internacionalización, para o que se promoverá a posición das universidades galegas en niveis competitivos a nivel global nas diferentes listaxes ou clasificacións a nivel mundial. Ao tempo, no marco do terceiro eixo, impulsaranse as relacións universidade-empresa.

Entre os obxectivos primordiais tamén figura a docencia innovadora, polo que se promoverán novas metodoloxías docentes ou o desenvolvemento das competencias específicas para cada título. Todo acompañado dun desenvolvemento acelerado das tecnoloxías facilitadoras do proceso formativo. Outro dos eixos consiste no impulso da investigación avanzada, para o que se abordará un novo salto de calidade cun modelo propio de carreira investigadora, a consolidación da rede dos centros e o incremento da captación de talento fóra da universidade galega. Finalmente, procurarase unha maior sustentabilidade social e medioambiental das universidades, xerando continuo impacto positivo para acadar unha sociedade máis xusta e máis proactiva co coidado do planeta e coa loita contra o cambio climático.

The contents of this page were updated on 11.08.2021.