Estudan os factores asociados e as consecuencias do consumo intensivo de alcohol

Os grupos de investigación en Neurociencia Afectiva e Cognitiva (NECEA) da Facultade de Psicoloxía e de Epidemioloxía e Saúde Pública da Facultade de Medicina comezaron en 2005 un estudo centrado nos factores explicativos e nas consecuencias cognitivas, académicas e sobre o comportamento asociadas ao patrón de consumo intensivo de alcohol (binge drinking).
O estudo comezou co seguimento da Cohorte Compostela 2005, na que participaron máis de 4.500 estudantes e dos que boa parte colaboraron ata en sete ocasións: na aula, nos laboratorios da Facultade de Psicoloxía, por teléfono, por correo electrónico ou no propio hospital. Agora lanzan o seguimento da Cohorte Compostela 2016, dirixida a 2.000 estudantes de segundo curso da USC, que recibirán un correo electrónico para continuar a investigación.
En nome dos dous grupos de investigación, un dos seus responsables, o profesor Caamaño Isorna, quere manifestar o seu “máis fondo agradecemento” a todo o alumnado participante. “Sen a súa colaboración non sería posible facer ciencia”, asegura.
O seguimento destas cohortes ven recibindo financiamento continuado dende o ano 2005 por organismos como o Plan Nacional sobre Drogas, o Fondo de Investigación Sanitaria e o Plan Nacional de I+D.