Skip to main content
STG

Publicadas as candidaturas finalistas do certame Youtubeiras

O xurado con voz e voto estará composto por cinco persoas relacionadas co audiovisual, a xeración e consumo de contidos dixitais e/ou co traballo na área da normalización da lingua
O xurado con voz e voto estará composto por cinco persoas relacionadas co audiovisual, a xeración e consumo de contidos dixitais e/ou co traballo na área da normalización da lingua
Estes galardóns teñen como finalidade ser acicate da creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e outorgar visibilidade aos diferentes perfís de persoas creadoras na Rede
Lugo, Santiago de Compostela

O certame Youtubeiras, que pretende ser acicate da creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, acaba de publicar a listaxe de candidaturas finalistas. Coa participación da USC, esta iniciativa promove e outorga visibilidade aos diferentes perfís de persoas creadoras na Rede. Ademais das tres universidades galegas, promoven o certame os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Carballo, Ames, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, xunto coa Deputación da Coruña. Youtubeiras reparte 7.500 euros nun total de oito premios.

Canle

Dotado con 1.000 euros, valorarase a calidade dos contidos, a calidade lingüística, a creatividade, a periodicidade dos contidos,  a creación e o mantemento de comunidade (uso doutras redes sociais, identidade da canle e imaxe coidada, colaboracións ou creacións colectiva, entre outros aspectos) e a repercusión do contido no Youtube, noutras redes sociais e nos medios de comunicación. As canles finalistas son Tonio Cociña Galega, Fica Coa Bóla e Toxío.

Youtubeira/o

neeumatiko, La Bisonte e Anxo Sánchez son as candidaturas finalistas nesta categoría. Valorarase a capacidade da/o youtubeira/o de crear contido de referencia, a súa capacidade comunicativa, e a súa calidade lingüística e creativa. Tamén se valorará a calidade dos contidos, a súa periodicidade e a súa repercusión na sociedade. Este premio consta de 1.000 euros.

Youtubeira/o revelación

Dotado tamén con 1.000 euros, poderán optar a este premio todas aquelas persoas que non se inscribisen nos Premios Youtubeiras nin fosen propostos no Premio do Público en ningunha das edicións e que presenten unha canle que conteña polo menos un vídeo subido logo do 22 de outubro de 2021. Valorarase a capacidade de xerar novas temáticas, ideas, formatos e contidos. As candidaturas finalistas son Falemos Do Reino de Galicia, Histérikas Histórikas e Marcos Borrageros.

Vídeo

Optan a este premio, dotado con 1.000 euros, os vídeos que compoñen as canles presentadas e que están subidos entre o 22 de outubro de 2021 e o 15 de novembro de 2022. Valorarase a calidade dos contidos, a calidade lingüística, a creatividade e a capacidade de transmitir a mensaxe. Son finalistas A Moura - Contos de Santalla, Eduardita - Piratas sen parche e BURY YOUR GAYS (Enterra aos teus homosexuais) - Investigación Documental.

Calidade lingüística

Dotado con 1000 euros, optan a este premio as canles inscritas. Valorarase a calidade e o coidado da lingua na canle (en todas as súas variantes dialectais) a nivel fonético, gramatical e lexical. Media Laranxa, Webserie Cóntallo a Cambados e Falemos do Reino de Galicia son as finalistas.

Pioneiro

Pingando - Laura Veiga, Noticias Dispersas e Gallifrey Ceive resultaron finalistas nesta categoría tamén dotada con 1.000 euros. Valorarase o feito de que se introduza a lingua galega nun campo no que é pouco usada no Youtube.

Rede

Nesta modalidade tomaranse en consideración aquelas canles que teñan a capacidade de crear e fortalecer a rede virtual (crear comunidade a través do Youtube e doutras redes sociais vinculadas) ou a rede real (crear vídeos de xeito colectivo e/ou promovidos polo tecido asociacionista). Optan aos 1.000 euros do premio Exército Mekemeke, Proxecto R.E.D.E.S. e a Lobeira today.

Do público

Este premio de 500 euros outorgaráselle ao vídeo máis votado proposto polo público. Resultará gañador aquel vídeo que despois dun proceso de votación na Rede e da ratificación do xurado, consiga máis votos. Os finalistas son BEMBIBRE coas Tanxugueiras, Mitos e ritos do tempo de Defuntos. Conversa con Lidia Mariño e Eduardita - Piratas sen parche.

O xurado con voz e voto estará composto por cinco persoas relacionadas co audiovisual, a xeración e consumo de contidos dixitais e/ou co traballo na área da normalización da lingua. Unha destas persoas será o/a gañador/a na categoría Youtubeira/o da anterior edición. 

The contents of this page were updated on 01.09.2023.