Skip to main content
STG

A Aula de Teatro da USC faise co premio do xurado no XXVII Ciclo Universitario da Beira Interior

Escena de 'Observacións sobre a felicidade. (Composición e manexo'. FOTO: Nuno Madaleno
Escena de 'Observacións sobre a felicidade. (Composición e manexo'. FOTO: Nuno Madaleno
A mostra universitaria máis antiga de Portugal distinguiu a peza 'Observacións sobre a felicidade (Composición e manexo)' entre a decena de espectáculos presentados por compañías da contorna lusa e internacional
Santiago de Compostela

A última obra da Aula de Teatro da USC, Observacións sobre a felicidade (Composición e manexo), acaba de recibir o premio do xurado ao mellor espectáculo no vixésimo sétimo Ciclo Universitario da Beira Interior (Covilhã, Portugal). Esta mostra universitaria, a máis lonxeva do país luso que promove o Grupo de Teatro da Universidade da Beira Interior (TeatrUbi) en colaboración coa asociación profesional de creación ASTA, reuniu un total de dez espectáculos representados por nove compañías teatrais da contorna portuguesa e internacional, entre as que se contan tres agrupacións profesionais.

Canda o galardón outorgado á Aula de Teatro da USC, o certame recoñeceu o espectáculo Momento Mori, da Escola Superior de Arte Dramática de Estremadura, co premio do Público.  

Observacións sobre a felicidade (Composición e manexo)

O proxecto máis recente da Aula de Teatro da USC estreouse no mes de decembro e transitou por diferentes encontros como o XXVII Festival Internacional Universitario celebrado en Compostela ou o XX Encontro Internacional de Teatro Universitario de Granada. A partir de textos de Aira Portos, Laura López e do seu director Roberto Salgueiro, a peza tece unha posta en escena que busca movernos a reflexionar sobre a felicidade.  

“Falar da felicidade é falar de ciencia. A felicidade non é un asunto relativo ao espírito ou ao intanxible: é unha cuestión científica”, afírmase nun fragmento da peza teatral. “A felicidade é unha cuestión de neurotransmisores, que son as biomoléculas que transmiten información entre neuronas; ou desde unha neurona ata as glándulas ou as células do noso organismo”, continúa un dos parlamentos que integran esta obra de 50 minutos de duración e na que hai cabida para a diverxencia de puntos de vista. “O que ti digas. Pero a felicidade non é un asunto medible ou pesable. Non é algo verificable, suxeito ao esquema proba erro”, afírmase en resposta ao argumento da felicidade como asunto científico.

Bárbara María Domínguez, Laura López Esteban, Aira Portos Rey, Laura Codesido Mella e Breixo Barreiro Mira compoñen o elenco de intérpretes, mentres que Ximena Torrón Núñez se encarga da asistencia de dirección.

Nos próximos meses haberá diversas oportunidades de asistir ás representacións da peza en Galicia, con funcións o 19 de abril en Vigo, o 22 de abril no Festival de Teatro Universitario en Lugo, o 26 de abril no Fórum Metropolitano da Coruña e o 2 de maio no Teatro Principal de Ourense.

The contents of this page were updated on 03.29.2023.