Skip to main content
STG

O congreso de referencia mundial en transmisión de potencia sen fíos premia por segundo ano consecutivo un traballo da USC

Javier Fernández Lozano recolleu o premio en Yokohama (Xapón) no marco do Congreso Internacional sobre Transmisión de Potencia Inalámbrica
Javier Fernández Lozano recolleu o premio en Yokohama (Xapón) no marco do Congreso Internacional sobre Transmisión de Potencia Inalámbrica
O premio ao Mellor Paper, entregado en Xapón, recolleuno o investigador predoutoral Javier Fernández Lozano

O investigador predoutoral Javier Fernández Lozano vén de ser recoñecido cun ‘Paper Award’ no Congreso Internacional sobre Transmisión de Potencia Inalámbrica (OWPT2024) celebrado en Yokohama (Xapón), un encontro que contou coa presenza dos maiores expertos globais no campo.

Este é o segundo ano consecutivo no que Javier Fernández, estudante do Programa de Doutoramento en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética, gaña este premio nesta conferencia pioneira considerada como o encontro científico de referencia global na transmisión de potencia láser, como demostra cada ano a presenza dos maiores expertos mundiais na área.

Tal e como explica o propio Fernández Lozano, “a transmisión óptica sen fíos de enerxía consiste, explicado de maneira sintética, en enviar enerxía a un receptor fotovoltaico a través dun láser”. No traballo premiado do que é o primeiro asinante téñense modelizado e optimizado receptores fotovoltaicos, propoñendo como novidade o uso de novos materiais, como o nitruro de galio. “Con iso, non só conseguimos ampliar notablemente, un 20%, a eficiencia dos nosos dispositivos, senón que podemos converter potencias de láser moito maiores”, explica.

O investigador predoutoral do CiTIUS destaca que estes resultados “abren camiño cara a unha nova xeración de conversores de potencia láser ultra eficientes”. No traballo galardoado na edición pasada de 2023, os investigadores propuxeron dispositivos optimizados utilizando a arquitectura VEHSA (Vertical Epitaxial Hetero-Structure Architecture), considerada a máis avanzada do momento, empregando outro material de alto bandgap, o carburo de silicio.

“Este segundo premio consecutivo reforza rotundamente a nosa liña de investigación: os materiais de alto bandgap teñen a capacidade de mellorar substancialmente a conversión de potencia láser, ampliar os campos de aplicación desta tecnoloxía e, en última instancia, cambiar a forma na que concibimos a transmisión de enerxía”, conclúe o investigador.

No traballo participaron tamén os investigadores do centro Natalia Seoane, Antonio García-Loureiro e Enrique Comesaña, así como os investigadores da Universidade de Xaén Eduardo Fernández e Florencia Almonacid.

The contents of this page were updated on 06.12.2024.