Skip to main content
STG

A violencia protagoniza a primeira edición de Tempo da Psicoloxía

De dereita a esquerda, Lourdes Mirón, Rosa Álvarez e Susana López. Foto: COPG
De dereita a esquerda, Lourdes Mirón, Rosa Álvarez e Susana López. Foto: COPG
Trátase dunha iniciativa conxunta da Facultade de Psicoloxía da USC e do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Promovida pola Facultade de Psicoloxía da USC e polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, esta mañá presentouse Tempo da Psicoloxía, unha actividade divulgativa que en cada edición terá unha temática concreta como protagonista e no que a perspectiva de xénero e os valores de igualdade constitúen elementos transversais.

A presentación contou coa presenza de María Rosa Álvarez Prada e María Lourdes Mirón Redondo, decanas do COPG e da Facultade respectivamente, e da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, entidade colaboradora.

Nesta primeira edición a violencia será o obxecto de reflexión, a través de diversas actividades que conforman o programa de 2019 e que comezan a próxima semana con varios relatorios. Así, os días 18, 19 e 20 ás 18:30 horas terán lugar tres coloquios gratuítos no Auditorio ABANCA (Rúa do Preguntoiro, 23). Todos eles son de acceso libre ata completar aforo.

A primeira sesión, a do luns 18, versará sobre a violencia no deporte e nela participarán a futbolista profesional Verónica Boquete o adestrador de fútbol David González Vázquez e a psicóloga do deporte María Dolores González Fernández. Xa o martes a xornada tratará a violencia nos centros educativos coa participación da conselleira de Educación, Carmen Pomar Tojo; o psicólogo educativo Hipólito Puente Carracedo; o vicepresidente da Confederación Anpas Galegas, Fernando Lacaci Batres; e a presidenta da Asociación de Directivos de IES de Galicia, Mª Isabel Ruso de Lago.

O mércores 20 será tempo de falar sobre a violencia no ámbito da familia, nunha palestra na que intervirán a directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy; o psicólogo da Oficina de Atención á Vítima da Coruña, José Manuel Oreiro Blanco; a xuíza titular do Xulgado de Familia nº 12 de Vigo, Paz Filgueira Paz, e a concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concepción Fernández Fernández.

O xoves 21 terá lugar a última das actividades, enmarcada dentro dos actos de celebración do Día da Psicoloxía Académica, pero nesta ocasión estará reservada para o alumnado e profesorado de Psicoloxía e a comunidade académica. Trátase dunha conferencia de Neus Roca Cortés, profesora da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Barcelona e que se centrará na violencia de xénero.

The contents of this page were updated on 02.14.2019.