O novo Premio Nobel de Química Ben L. Feringa, un habitual na USC
O deseño e síntese de máquinas moleculares valeulle a concesión do Premio Nobel aos investigadores Jean-Pierre Sauvage (University of Strasbourg), Sir J. Fraser Stoddart (Northwestern University) e a Bernard L. Feringa (University of Groningen), este último colabora habitualmente con investigadores da USC. Hai apenas tres semanas, Ben Feringa pronunciaba na Universidade de Santiago unha conferencia xustamente sobre sistemas moleculares dinámicos.
Ademais da súa presenza nas aulas composteláns como conferenciante, Feringa mantén unha estreita relación investigadora con persoal da USC, como ilustra a súa habitual presenza en actividades promovidas polo grupo de José L. Mascareñas como o feito de que tres investigadores principais de proxectos acubillados no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) teñan sido investigadores posdoutorais no laboratorio do novo Nobel.
Tanto Fernando López como Diego Peña foron bolseiros Maria Curie durante 2002 e 2003 no laboratorio do premio Nobel para traballar en proxectos de catálise enantioselectiva e de catálise asimétrica, respectivamente. En 2009, o tamén investigador da USC Martín Fañanás incorporouse ao grupo de Feringa como investigador posdoutoral subvencionado polo ministerio. En 2011 sería nomeado pola Universidade de orixe de Ben Feringa como investigador asociado para traballar no desenvolvemento do acoplamento cruzado de reactivos orgánicos de litio oy en procesos de oxidación catalítica, entre outros.
José L. Mascareñas (esquerda) e Ben Feringa mantañen colaboración dende hai varios anos. Foto: CiQUS