Descubren posibles novas áreas de aplicación farmacolóxica das benzodiazepinas
A introdución das benzodiazepinas na clínica supuxo unha revolución no tratamento de enfermidades psiquiátricas, especialmente da ansiedade, o insomnio e a epilepsia. Agora, un equipo do CiQUS especializado no descubrimento preliminar de fármacos achou un método de síntese que permite examinar novas áreas de aplicación biolóxica, ata hoxe inexploradas. As benzodiazepinas son un exemplo arquetípico de estrutura privilexiada (ou anel privilexiado), termo que alude ás propiedades estruturais de certos compostos cíclicos, entre cuxos compoñentes se atopa, cando menos, un elemento diferente do carbono. Estas estruturas privilexiadas xogaron un papel decisivo no ámbito da investigación farmacolóxica. Grazas á súa capacidade para modular dianas biolóxicas distintas, estes aneisforon capaces de proporcionar un considerable número de fármacos para tratar patoloxías de moi diversa índole, entre outras cousas porque a súa utilización se asociou xeralmente cunha baixa incidencia de efectos adversos. Ademais, permiten avanzar de xeito máis rápido e racional nas distintas fases de procura e descubrimento de fármacos, un proceso cada vez máis complexo, competitivo e custoso. Con máis de 30 benzodiazepinas en uso clínico ningún outro anel privilexiado contribuíu tanto ao arsenal terapéutico actual dando lugar a numerosos medicamentos comerciais de uso xeneralizado (Valium®, Orfidal®, Lexatin® ou Trankimazin®), aínda que a verdadeira singularidade deste tipo de aneis reside na diversidade das súas aplicacións terapéuticas, destacando no só os seus efectos en enfermidades psiquiátricas senón tamén como relaxante muscular e coadxuvante en anestesia odontolóxica ou endoscópica. Explorando novas vías A manipulación estrutural do anel benzodiazepínico no laboratorio permitiu eliminar a actividade sobre o sistema nervioso central, abrindo así a porta ao desenvolvemento de novos fármacos para o tratamento de patoloxías totalmente distintas, como o cancro, a inflamación, a malaria, trastornos circulatorios ou enfermidades autoinmunes. Así, investigadores do CiQUS e da Facultade de Farmacia da USC describiron un novo método de síntese que proporciona derivados benzodiazepínicos para examinar espazos de diversidade previamente inexplorados, tanto a nivel esqueletal como funcional ou estereoquímico. Baixo a dirección do profesor Eddy Sotelo, o traballo permitiu definir unha estratexia sintética eficiente, rápida e respectuosa co medioambiente demostrando que a complexidade molecular é compatible coa simplicidade experimental. O novo método, publicado na revista científica Journal of Organic Chemistry, permitiu obter máis de 80 moléculas representativas, cuxa singularidade estrutural foi validada durante a fase de avaliación farmacolóxica. Ademais de compostos con excelente acción ansiolítica, e previa manipulación estrutural para eliminar os efectos sobre o sistema nervioso central, identificáronse tamén moléculas moi potentes sobre dianas terapéuticas validadas en enfermidades como a diabete, a asma ou a tuberculose.
Os resultados desta investigación, na que tamén participaron científicos das universidades de Vigo e Valencia, supoñen un importante fito no traballo do grupo do profesor Sotelo, que centra boa parte dos seus esforzos no desenvolvemento de estratexias sintéticas multicompoñente co obxectivo de acelerar os procesos de xeración e optimización de candidatos a fármacos, especialmente aqueles orientados a patoloxías como o glaucoma, a enfermidade de Parkinson, a asma ou o cancro.