A novena promoción do proxecto de estímulo do talento matemático inicia as súas actividades

Dez rapazas e quince rapaces nacidos en 2002 e 2003 son os seleccionados de entre un total de 323 estudantes de toda Galicia presentados a unha nova promoción do proxecto Estalmat-Galicia, cuxo obxectivo é o estímulo do talento matemático entre rapaces e rapazas de 12 a 15 anos. A novena promoción deste proxecto iniciará as súas actividades este sábado 19 cunha sesión de benvida ás 10.30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas na que estarán acompañados das súas familias, autoridades académicas, patrocinadores, representantes do ensino medio que os avaliaron e equipo docente do proxecto. O reitor e presidente do comité organizador de Estalmat-Galicia, Juan Viaño, presidirá a sesión, na que tamén está prevista a participación da coordinadora xeral de Estalmat-Galicia, Elevan Vázquez Cendón; e a vicedecana da Facultade de Matemáticas, Beatriz Pateiro López. En representación dos patrocinadores principais deste proxecto estarán presentes Manuel Corredoira López, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e Antonio Leira Piñeiro, en representación da Deputación Provincial da Coruña. Está prevista a intervención do profesor de Matemáticas do IES de Brión, Senén Adán Arias, en recoñecemento aos docentes que avalan aos estudantes participantes nas probas. A presentación da promoción a fará a recentemente elixida coordinadora académica, Marina Gemiñás Miguéns, secretaria do Comité organizador de ESTALMAT-Galicia. Nesta primeira sesión, os 25 estudantes recibirán documentación e deseguido partirán cara un campamento matemático que se celebrará ao longo da fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Vilarmaior na Coruña, e no que se producirá unha toma de contacto dos participantes nun ambiente lúdico-matemático. Entre as novas actividades programadas para este curso, o alumnado participará nun encontro con estudantes da promoción de Estalmat-Galicia 2010, realizarán a cuarta iteración da alfombra de Sierpinski e empregarán os exemplares da unidade didáctica ‘María Wonenburger: unha científica adiantada ao seu tempo’, proporcionados pola Secretaría Xeral de Igualdade para todos os participantes. Selección Os rapaces e rapazas da novena promoción de Estalmat son os que acadaron os mellores resultados nunha proba realizada o pasado mes de xuño coa participación de 323 estudantes de toda Galicia. Á proba na Facultade de Matemáticas acudiron 180 rapaces e 143 rapazas, na súa maioría procedentes das provincias da Coruña (180) e Pontevedra (98), seguidas de Lugo (27) e Ourense (17), tanto do ensino público (243) como do privado (80). Os/as finalmente seleccionados pertencen á Coruña (16) e Pontevedra (9). Atendendo aos resultados nas probas, a porcentaxe de éxito das nenas (7,69%) é parello ao dos nenos (7,77%). Dende a súa implantación hai nove anos, Estalmat-Galicia examinou na Facultade compostelá a máis de 2.470 estudantes con grande interese polas matemáticas, tendo seleccionado dende entón a 225 talentos matemáticos. Programa Durante o curso, os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices de Estalmat-España, iniciativa que dende 1998 vén implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia e Cantabria. O programa deseñado celebrarase na Facultade de Matemáticas da USC nas mañás de vinte sábados do curso académico. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. Ademais, Estalmat-Galicia mantén o programa Estalmat-Pi, dirixido a manter o contacto dous anos máis con actividades impartidas en doce sábados do curso.
Estalmat está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e o CSIC e conta co apoio financeiro da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT). En Galicia, o proxecto que pilota a Facultade de Matemáticas da USC, ademais de participar destas axudas conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das deputacións da Coruña e Lugo e o Concello de Guitiriz. Tamén conta con financiamento do Consello Social da USC no marco do programa de Captación e Fidelización da USC.
O profesorado e o equipo técnico de Estalmat-Galicia encargado da proba do pasado 6 de xuño Distribución xeográfica dos/as integrantes da novena promoción