Skip to main content
STG

O Día do Científico Galego lembrou en Química a figura de Luis Iglesias

O titular da Xunta de Galicia presidiu a sesión académica celebrada na Facultade de Química coa presenza de representantes universitarios e da Real Academia Galega de Ciencias. Foto: Santi Alvite
O titular da Xunta de Galicia presidiu a sesión académica celebrada na Facultade de Química coa presenza de representantes universitarios e da Real Academia Galega de Ciencias. Foto: Santi Alvite

A Facultade de Química da USC acolleu a conmemoración do Día do Científico Galego nun acto organizado pola Real Academia Galega de Ciencias e que en 2014 está dedicado a Luis Iglesias Iglesias. O catedrático de Químico Inorgánica Manuel Bermejo Patiño abriu a sesión realizando unha semblanza do homenaxeado, co lema ‘Luis Iglesias na memoria’. O catedrático de Zooloxía e director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, Victoriano Urgorri, pronunciou a conferencia ‘Luis Iglesias: O Museo de Historia Natural’, intervención que precedeu á do presidente da Real Academia Galega de Ciencia, Miguel A. Ríos Fernández. Na sesión participaron ademais o reitor Juan Viaño e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Luis Iglesias Luis Iglesias converteuse nun dos máximos expoñentes da entomoloxía galega, ámbito no que coordinou unha colección formada por 6.000 exemplares perfectamente preparados e identificados. Ademais, é salientable a súa significativa contribución ao desenvolvemento do Museo de Historia Natural, hoxe denominado Museo Luis Iglesias como recoñecemento outorgado en 1965 pola USC ao seu labor neste campo. No ano 1920, Luis Iglesias iniciou a súa etapa docente na Universidade de Santiago, na que ocupou a Cátedra de Bioloxía Xeral da Facultade de Ciencias dende 1932, ano na que a obtivo por oposición, ata 1965. Durante esta época, ocupou diversos cargos académicos, entre eles os de reitor, vicerreitor e administrador xeral da Universidades. Coa presenza dun nutrido grupo da comunidade universitaria, o acto tamén contou coa presenza de familiares do homenaxeado (primeira bancada da Aula Magna). Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 06.17.2014.