Preséntase este xoves na Vicerreitoría de de Lugo o X Curso de Primavera da USC, ‘A violencia na cultura e na historia’
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presentará este xoves, a partir das 12.00 horas, na sala de prensa da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo, a décima edición do Curso de Primavera da USC, un programa de formación, debate e divulgación, financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que se desenvolverá baixo o título ‘A violencia na cultura e na historia’.
A concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o deputado provincial delegado da Área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro e o director do X Curso de Primavera da USC, o profesor do Departamento de Historia Moderna da USC, Fernando Suárez Golán, intervirán tamén na presentación deste seminario monográfico sobre a violencia. As distintas sesións e relatorios programados ao abeiro do X Curso de Primavera da USC desenvolveranse no salón de actos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo do 22 ao 25 de abril de 2014.