Skip to main content
STG

O Congreso da Asociación de Estudos sobre Discurso e Sociedade reúne máis de 200 especialistas en Santiago

O Congreso da Asociación de Estudos sobre Discurso e Sociedade reúne máis de 200 especialistas en Santiago
O Congreso da Asociación de Estudos sobre Discurso e Sociedade reúne máis de 200 especialistas en Santiago

Entre o 5 e o 7 de xuño ten lugar na Facultade de Filoloxía da USC o IV Simposium Internacional da Asociación de Estudos sobre Discurso e Sociedade (EDiSo), que chega a Santiago despois de ter sido celebrado en Sevilla, Coimbra, e Barcelona. Congregadas en torno ao tema ‘Voces, silencios e silenciamentos nos estudos do discurso’, 250 persoas reuniranse para situar o foco na necesidade de analizar os discursos prestando atención non só a aquilo que se di e é visible, mais tamén ao que se cala, invisibiliza ou é indecible.

A comisión organizadora local está liderada polas profesoras da Facultade de Filoloxía Gabriela Prego Vázquez, Luz Zas Varela e M. Felisa Rodríguez Prado e formada por persoal docente e investigador do centro, en cuxos espazos terán lugar a maioría das actividades programadas para estas tres xornadas. As diversas sesións, organizadas en forma de encontros plenarios, mesas redondas, sesións temáticas ou de comunicacións libres, dan lugar a un programa que contará con transmisión parcial en streaming (a través da USC-TV, en http://tv.usc.es/directo2.html).

Entre as persoas participantes atópanse estudosas das universidades do SUG, de diversas procedencias do Estado Español e de institucións universitarias de Portugal, Arxentina, EEUU, Italia, Reino Unido, Suíza ou Brasil que reflexionarán, entre outras cuestións, sobre a condición de ‘ser falante’, de cidadanía e de mobilidade. En conxunto, preténdese lanzar luz tanto sobre as relacións de poder como sobre as condicións en que se xera o coñecemento, a partir da realización de pesquisas con perspectiva de xénero, compromiso social investigador, análise crítica e participa(c)ción, incluíndo a preocupación para favorecer políticas lingüísticas máis inclusivas.

En termos de transferencia da pesquisa á cidadanía, na tarde do xoves 6 terá lugar unha acción de divulgación na rúa. Nunha saída que percorrerá a distancia entre Vite e a Quintana, a través dun roteiro deseñado por alumnas da Facultade, será feita na praza unha acción participativa cidadá preparada no cadro do Observatorio do Discurso de EDiSo, con exposición de resultados de investigación participativa realizada por alumnado da USC e doutras universidades europeas e americanas.

Por outro lado, como mostra de compromiso que pasa do discurso para a práctica, a organización apostou na visibilización de modelos sustentables, desde o punto de vista económico, social e cultural. Así, nos intervalos-café serán servidas bebidas e produtos do comercio xusto e vai aproveitarse para divulgar, a través de charlas solidarias, os valores do comercio equitativo e do desenvolvemento sustentable. Tamén haberá froitas do Mercado de Abastos, na lóxica de produtos frescos da época e de proximidade.

En termos de consumo responsable e contribuíndo a reducir o uso de plásticos, as habituais pequenas botellas de auga envasada serán substituídas pola entrega, a cada unha das persoas inscritas no Simposio, dunha botella de vidro a abastecer nas fontes existentes en Filoloxía e que, debidamente identificada, permite a reutilización.

The contents of this page were updated on 06.04.2019.