Skip to main content
STG

O fotógrafo José Manuel Soares aproximará as comunidades universitarias de Compostela e Porto nunha mostra en Fonseca

Mostra dun dos retratos que integran Marxes. Foto: José Manuel Soares
Mostra dun dos retratos que integran Marxes. Foto: José Manuel Soares
O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua preside este mércores ás 20.00 horas

Un total de 40 retratos fotográficos de integrantes das comunidades educativas de Santiago de Compostela e de Porto conforman os contidos da exposición que a partir deste mércores 5 se poderá visitar no Colexio de Fonseca froito do proxecto ‘Marxes’, desenvolvido polo fotógrafo portugués José Manuel Soares. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, presidirá a inauguración nun acto que comezará ás 20.00 horas. Como explica o seu autor, “nos ollares, deixados en xeométricas molduras, permanecen visibles universos persoais. Escondidos, aínda que, nalgúns casos cómplices, faltan por contar as historias que nos unen”. Este proxecto expositivo presenta a universitarios/as de distintas nacionalidades retratados na Facultade de Filoloxía de Santiago e noutros lugares da Universidade de Porto. Na mostra, “o fotógrafo, creador de historias, ladrón de aparencias e de silencios, deleitase no rexistro sen artificio”.

José Manuel Soares (www.josemanuelsoares.com) divide a súa actividade profesional entre a fotografía e o ensino. Creou Edicións Portáteis, editora especializada en fotografía, e expón con regularidade dende o ano 1999. A súa actividade profesional estivo asociada ao exercicio do fotoxornalismo durante varios anos, así como ao vídeo e ao cine de animación. É autor de diversas publicacións en colaboración con outros autores como Manuel António Pina e Manel de Oliveira e con pintores como Pedro Rocha.

The contents of this page were updated on 03.04.2014.