Skip to main content
STG

Farmacia celebra este sábado un acto académico conmemorativo da Inmaculada Concepción, patroa do centro

A Facultade de Farmacia celebra este sábado 13 un acto académico conmemorativo da festa da Inmaculada Concepción, patroa do centro. O vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto Javier López López, presidirá esta sesión, que se desenvolverá a partir das 12.00 horas, no salón de graos do centro, e durante a que se procederá á entrega de diplomas, medallas conmemorativas e insignias de ouro a persoas destacadas pola súa vinculación ao citado centro universitario compostelán.

A Facultade de Farmacia entregará nesta ocasión a medalla conmemorativa dos 25 anos de prestación de servizos no centro a Paz García Martínez, José Gil Longo, Luís Lima Rodríguez, María Esperanza Paniagua Crespo, María Luz Pérez-Pallaré Mera e María Enjo Rey. Asemade, Carmen Casas Abeijón, Franco Fernández González e José Sordo Rodríguez tamén recibirán no marco desta sesión a insignia de ouro da Facultade de Farmacia. O profesor Franco Fernández González será o encargado de ofrecer a lección maxistral deste académico conmemorativo da festividade da patroa da Facultade de Farmacia, un relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Das forzas de Van der Waals ao infarto de miocardio. Ao remate do relatorio e antes da intervención da decana da Facultade, Isabel Sández Macho, procederase tamén a entrega de diplomas ás persoas que defenderon a súa tese de doutoramento no curso 2013-14, así como a aquelas que foron titoras prácticas profesionais dos centros do Sergas. O acto académico conmemorativo da patroa de Farmacia servirá tamén para facer entrega dos premios do I Concurso de Ideas para Portada de Traballos de Fin de Grao da Facultade de Farmacia.

The contents of this page were updated on 12.12.2014.