Orientación laboral inicia un programa de accións formativas sobre o novo mercado laboral na economía dixital

O estudantado de últimos cursos de todas as titulacións así como persoal investigador e titulados son os destinatarios dunha serie de actividades formativas que promove a Área de Orientación Laboral e Emprego da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social dentro do Programa Formativo ‘A economía dixital e o novo mercado laboral. O emprego 2.0: posiciónate nas redes sociais’. Arredor deste marco temático, celebraranse un conxunto de charlas-actividades formativas que acheguen o coñecemento do novo mercado laboral no eido dixital, recursos e habilidades para o uso axeitado de novas ferramentas para a busca de emprego e a iniciación profesional nas redes profesionais e sociais nun contexto dixital. A primeiras destas accións celebrarase o próximo xoves 11 dedicado ao tema ‘A imaxe profesional dixital. O mercado laboral da sociedade dixital. O saber facer e o papel da formación superior’. Celebrarase no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a partir das 17.00 horas. A asistencia é gratuíta aínda que é preciso realizar a inscrición previa. Co programa deseñado para este xornada preténdese definir algunhas características do actual mercado de traballo da sociedade dixital, prestando atención aos cambios máis importantes e mostrando algúns recursos interesantes para elaborar os novos formatos de currículo 2.0, así como para situar, mellorar a presenza e favorecer o desenvolvemento profesional. Xosé Alberto Cea Rodríguez, profesional da orientación laboral especializada na busca de emprego e o recrutamento 2.0, será quen imparta a xornada, articulada sobre un programa que pretende dar a coñecer o papel das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións no actual mercado laboral, as oportunidades que poden atoparse no medio dixital, achegar recursos e habilidades para o uso axeitado de novas ferramentas para a busca de emprego en liña e as vías de iniciacións profesional e ampliación de contactos a través das redes sociais.