Skip to main content
STG

O Máster en Enxeñaría Matemática clausúrase nun acto no que se fai balance das súas sete promocións

Dende o curso 2006-2007 a USC coordina, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, o Máster universitario en Enxeñaría Matemática. Sete promocións que suman un total de 111 titulados e tituladas. Os retos, expectativas e balance de todos estes anos exporanse no acto de clausura do Máster que terá lugar este xoves 24 ás 12.30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, dende onde se retransmitirá por videoconferencia. Asisten, entre outros, o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López López; a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado da UVigo, Ana María Graña Rodríguez; e o vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías da UDC, Julio Abalde Alonso. O acto contará ademais coa participación dos egresados do máster Marta Pou Bueno, Researcher in Quantitative Finance in Technical University of Delft, e Raúl Trabazo Sobrino, do Centro Tecnológico AIMEN. Intervirán tamén dous representantes das máis de sesenta empresas e centros tecnolóxicos que propuxeron problemas para ser resoltos polos estudantes, María Rodríguez Nogueiras, do Banco Santander, e Antonio Álvarez Alonso, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo. A continuación, a profesora Elena Vázquez Cendón, coordinadora do Máster na USC xunto con José Durany (UVigo) e Carlos Vázquez (UDC), presentará os resultados da enquisa de satisfacción e empregabilidade realizada ás sete promocións do Máster. A ela seguiranlles a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, Edita De Lorenzo Rodríguez, o decano da Facultade de Informática da UDC, Luis María Hervella Nieto, e a vicedecana da Facultade de Matemáticas da USC, Rosa Crujeiras. Máster en Matemática Industrial Dende o curso académico 2013/2014 este título dá lugar ao Máster en Matemática industrial, tamén coordinado pola USC no que participan igualmente a UDC e a UVigo e ao que se suman as Universidades Carlos III e Politécnica de Madrid. O programa de doutoramento do Posgrao Oficial Propio (POP) inicial tamén deu lugar a un dos novos programas de doutoramento co mesmo título e que tamén se imparte dende o curso 2013.2014.

The contents of this page were updated on 07.23.2014.