Charla do doutor Pedreira Massa na Unidade de Atención Temperá sobre maltrato e acoso na familia
A Unidade de Atención Temperá da USC organiza unha nova sesión da Choiva de ideas na que o paidopsiquiatra e doutor do Hospital Neno Xesús de Madrid, José Luis Pedreira Massa, dará este venres 4 as claves para afrontar casos de maltrato, acoso e violencia intrafamiliar. Acreditado pola Federación Española de Asociacións de Psicoterapeutas, Pedreira é membro fundador da Asociación Española de Psicoterapia. Trátase dunha charla gratuíta, dirixida a todas as persoas interesadas na materia, para a que xa se abriu o prazo de inscrición. As interesadas deben enviar un correo a mjosecarmen.buceta [at] usc.es (mjosecarmen[dot]buceta[at]usc[dot]es) ou na sección de contacto desta páxina web. Durante a xornada -que se celebrará na sede da Unidade de Atención Temperá, na Facultade de Psicoloxía, a partir das 19:30 horas- coñeceranse as pautas terapeutas e preventivas a seguir no ámbito familiar e educativo nos distintos casos de maltrato, que abrangue dende violencias psicolóxicas ou físicas ata abusos, acoso escolar ou neglixencias na atención ás necesidades para un crecemento e desenvolvemento axeitados. Choiva de ideas O ciclo mensual Choiva de ideas comezou o pasado mes de novembro cunha sesión para ensinar a pais e nais a entender a linguaxe corporal dos seus fillos e fillas. A esa charla seguíronlle outras sobre adopcións, a realidade dos nenos roubados ou procesos de custodia compartida.