O liderado nas organizacións deportivas centra o 19 unha mesa redonda na escola de Relacións Laborais
A escola universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo organizará o vindeiro martes, día 19 de febreiro, unha mesa redonda sobre o liderado nas organizacións deportivas, na que intervirán como relatores os adestradores de cinco clubs deportivos da capital luguesa.
O redactor de Marca.com Andrés García Armero será o encargado de moderar esta mesa redonda, cuxo obxectivo é o de analizar as características fundamentais do liderado nas organizacións deportivas a través dos seus protagonistas. Os adestradores do CD Lugo, Enrique Setién; CB Breogán, Lisardo Gómez; CV Emevé, Diego Taboada; Azkar Lugo FS, Diego Ríos, e o adestrador do Club Porta XI Ensino, Javier López Muñoz, serán os relatores convidados para expoñer as súas respectivas opinións e dar conta da súa experiencia sobre esta cuestión. A mesa redonda sobre o liderado nas organizacións deportivas, que se celebrará o vindeiro martes 19 de febreiro no salón de actos da escola universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo, é unha actividade dirixida aos alumnos do propio centro universitario, así como ao resto dos estudantes universitarios do campus de Lugo. Esta sesión tamén está aberta á participación de representantes de organizacións empresariais e sindicais, avogados, graduados sociais, ademais de todas aquelas persoas e profesionais interesados polo tema. O prezo da inscrición é de 5 euros e os interesados xa poden formalizar a súa matrícula na secretaría da escola universitaria de Relacións Laborais. As persoas participantes que asistan á totalidade da xornada recibirán un diploma acreditativo, previa solicitude. Os interesados en obter máis información sobre esta mesa redonda sobre o liderado nas organizacións deportivas poden chamar ao número de teléfono 982.82.48.00 ou ben a través do correo electrónico mercedes.montes [at] usc.es (mercedes[dot]montes[at]usc[dot]es).