O encontro Universidade-Seguro celebrarase o vindeiro luns na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acollerá o vindeiro luns 13 as xornadas de Encontro Universidade-Seguro, nas que se darán cita os galardoados dos Premio Galicia Segura para presentar diferentes traballos que permitan o debate e a reflexión sobre temas de actualidade arredor do sector dos seguros. As persoas interesadas en asistir poderán facelo de xeito gratuíto previa inscrición e ata completar o aforo. O acto inaugural celebrarase o mesmo luns 13 nunha sesión que comezará ás 17.00 horas presidida pola decana da Facultade, a profesora María Emilia Vázquez Rozas, dando paso á quenda de intervencións que abrirá o director xeral de AIG Europe para España e Portugal, Álvaro Mengotti, que falará sobre ‘O caso AIG. A devolución das axudas públicas’. O presidente da Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados (AGROSEGURO), Ignacio Machetti, presentará o relatorio titulado ‘O instrumento vertebrador do sector agrario e gandeiro español’ e o conselleiro delegado de Alkora EBS Correduría de Seguros, Julio de Santos, falará a continuación sobre ‘O corredor de seguros. A garantía da transferencia do risco’. Deseguido celebrarase unha mesa redonda e o posterior coloquio sobre os asuntos tratados.