Skip to main content
STG

O ránking 2013 da National Taiwan University sitúa a Universidade de Santiago entre as primeiras de España por produtividade científica

A de Santiago é ademais a primeira de toda España no ámbito das Matemáticas e cuarta en Farmacoloxía e Toxicoloxía e en Medio ambiente e ecoloxía

A partir da análise da produtividade científica e máis concretamente dos artigos científicos publicados polos investigadores, o ránking 2013 da National Taiwan University sitúa á Universidade de Santiago como a oitava de toda España e como a 378 de todo o mundo. Esta listaxe está deseñada para comparar a calidade e cuantificar os traballos científicos de cada universidade. De entre as universidades españolas, a de Santiago de Compostela destaca igualmente por ser a primeira no eido das Matemáticas e a 65 de entre as 500 mellores universidades de todo o mundo. Ademais, a institución compostelá acada posicións destacadas no relativo á Farmacoloxía e Toxicoloxía (4º posto de todo o Estado), Medio ambiente e Ecoloxía (4º), Enxeñaría civil (6º), Química (7º), Ciencias dos animais e das plantas (7º) ou en Enxeñaría Química (9º) e Ciencias da agricultura (12º). Na análise dos artigos científicos publicados, o sistema de clasificación da National Taiwan University emprega métodos bibliométricos e tres criterios, representados por oito indicadores, para avaliar o desempeño do traballo científico xeral de cada universidade: a produtividade da investigación (25% da valoración total), impacto da investigación (35%) e excelencia da investigación (40%). Este sistema de clasificación utiliza datos cuantitativos extraídos de Sciencie Citation Index (SCI) y o Social Science Citation Index (SSCI) da Web of Sciencie. Respecto dos criterios, para a determinación da produtividade, os promotores do ránking analizaron tanto o número de artigos publicados no período 2002-2012 como en 2012, mentres que para avaliar o impacto da investigación se tomou en consideración o número de citacións rexistradas en 2011 e 2012, a media de citacións entre 2002 e 2012 e o índice ‘h’ dos últimos dous anos. Finalmente, o estudo cuantifica a excelencia investigadora a partir do número de artigos altamente citados entre 2002 e 2012 e os artigos publicados en 2012 en publicacións de alto impacto. A selección das 500 universidades incluídas nesta relación está baseado na información obtida do Essential Science Indicators (ESI). De entre as máis de 4.000 institucións investigadoras que figuran en ESI, o ránking da National Taiwan University fai unha primeira selecciona en base ao número de artigos publicados e número de citacións.

The contents of this page were updated on 10.15.2013.