Skip to main content
STG

Inicia as actividades a 7ª promoción de talentos matemáticos de ESTALMAT

Os 354 participantes na proba de selección de Estalmat-Galicia 2013 e membros do comité organizador o pasado mes de xuño. Foto: Santi Alvite
Os 354 participantes na proba de selección de Estalmat-Galicia 2013 e membros do comité organizador o pasado mes de xuño. Foto: Santi Alvite
O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias, conta co apoio da Consellaría de Educación, a Fundación Vodafone e as deputacións da Coruña e Lugo

Os 25 alumnos/as que conforman a sétima edición do proxecto Estalmat-Galicia comezan este sábado 28 o programa de actividades deseñado especificamente para o estímulo do talento matemático en rapaces de 12 e 13 anos. Así, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas a partir das 10.30 horas comeza o curso 2013-14 de Estalmat-Galicia coa participación, ademais do alumnado seleccionado, das súas familias, autoridades académicas e equipo docente do proxecto. Ao final do acto, o grupo de estudantes inicia un campamento matemático que se estenderá ao longo da fin de semana no albergue de ecoturismo Alvarella-Vilarmaior na Coruña, no que supón unha toma de contacto entre eles nun ambiente lúdico-matemático. O acto de apertura do curso presídeo o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, acompañado na mesa de autoridades polo presidente do comité organizador de Estalmat-Galicia, o profesor Juan Viaño Rey; a decana da Facultade de Matemáticas, Mª Victoria Otero Espinar; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila López, e Victor Pollán Fernández e Covadonga Rodríguez-Moldes Rey, coordinador académico e responsable de relación coas familias de ESTALMAT-Galicia, respectivamente. Representantes dos once membros do Comité Organizador e dos 43 profesores do Equipo Docente, todos eles profesores de matemáticas de amplo historial no ámbito do ensino secundario e universitario, recibirán aos 25 estudantes que foron seleccionados o pasado 8 de xuño na proba celebrada na Facultade de Matemáticas. Na proba participaron un total de 354 estudantes de toda Galicia nacidos en 2000 e 2001. Os participantes, 207 rapaces e 147 rapazas, procedían na súa maioría das provincias da Coruña (216) e Pontevedra (109), seguidas das de Lugo (22) e Ourense (7), tanto do ensino público (255) como do privado (99). Os 25 alumnos seleccionados (16 rapaces e 9 rapazas) pertencen á Coruña (15), Lugo (1), Ourense (1), Pontevedra (8). Nos seis anos dende a súa implantación, ESTALMAT-Galicia ten examinado na Facultade da USC a mais de 1.700 estudantes con grande interese polas matemáticas e ten seleccionado a 175 talentos matemáticos para incorporar ás súas actividades. Durante o curso os/as estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que dende o ano 1998 vén implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias, Valencia e Cantabria. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas da USC nas mañás de 20 sábados do curso académico. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. O vindeiro día 5 de outubro comezarán as actividades dos/as 25 alumnos/as de 2º ano (promoción 2012). Ademais, Estalmat-Galicia mantén o programa Estalmat Pi, dirixido a manter o contacto dous anos mais con actividades impartidas en 6 sábados do curso. O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC, e conta co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España e da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT). O Proxecto ESTALMAT-Galicia, pilotado pola Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das deputacións da Coruña e Lugo e o concello de Guitiriz. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web de Estalmat-Galicia.

The contents of this page were updated on 09.27.2013.