Skip to main content
STG

Reuven Bar-On, referente mundial no ámbito da intelixencia emocional, ofrece unha conferencia na Facultade de Psicoloxía

O profesor Reuven Bar-On, referente mundial no ámbito da intelixencia emocional, ofrecerá unha conferencia este mércores 19 na Facultade de Psicoloxía no que tende pontes entre o seu campo de especialización e a educación universitaria. A conferencia, que promoven conxuntamente a USC a través da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades e a Fundación Barrié, comezará ás 12.00 horas no Salón de Actos do centro compostelán dirixida ao estudantado de Psicoloxía e Pedagoxía da comunidade autónoma. Reuven Bar-On é doutor en Psicoloxía e dende o ano 1980 tense centrado na conceptualización, investigación e aplicación da intelixencia emocional. En 1985 acuñou o termo EQ (coeficiente emocional) como sistema de medida da competencia emocional e social. O seu modelo foi recollido na Encyclopedia of Applied Psychology como unha das tres principais aproximacións ao concepto da intelixencia emocional (IE). Ademais é coautor do Handbook of Emotional Intelligence e os test que desenvolveu para a medición da IE utilízanse en todo tipo de organizacións en diferentes países. Entre outros, o doutor Bar-On participou en investigacións que mostran a correlación entre a IE e a eficiencia no liderado. O profesor Reuven Bar-On participa esta semana en diversos actos formativos na sede da Fundación Barrié da Coruña, dirixidos a expertos en xestión de talento, profesores de distintos ciclos educativos e profesionais da xestión de persoas.

The contents of this page were updated on 06.18.2013.