Noventa persoas inscritas nos exames oficiais de xaponés deste domingo na USC
O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC conta con noventa persoas inscritas na primeira edición do exame NOKEN de nivel da lingua xaponesa na institución compostelá, logo de que este ano fose aprobada a súa inclusión como terceiro centro examinador oficial de España (xunto con Madrid e Barcelona). As probas serán este domingo, 2 de decembro, na Facultade de Filoloxía. O exame está tutelado e organizado pola Japan Foundation e a Japan Educational Exchanges and Services (JEES), organismos oficiais dependentes do goberno nipón con competencias culturais. O certificado outorga a quen o posúa un importante valor curricular para formarse en calquera Universidade xaponesa, solicitar unha bolsa educativa ao goberno ou traballar no país. Nos dezaseis anos que o CLM leva impartindo xaponés, da man da profesora Minako Takahashi, pasaron xa polas súas aulas máis de seiscentos estudantes, cun crecemento exponencial cada ano.