Máis de trinta estudantes presentáronse ás probas oficiais de catalán na USC, única institución de Galicia que as organiza

Un ano máis, a Área de Catalán da USC realizou as probas oficiais de lingua catalá do Instituto Ramon Llull. Únicas en Galicia e das poucas do Estado, estes exames permiten acreditar o grao de coñecemento do idioma tanto a efectos académicos como laborais, tendo a mesma validez que os expedidos polas correspondentes institucións das diversas áreas do dominio lingüístico catalán. Igual que en anteriores convocatorias, as probas tiveron lugar nas instalacións da Casa de Europa e contaron coa participación de máis de trinta alumnos de catalán da USC, concretamente da Facultade de Filoloxía e do Centro de Linguas Modernas, que tiveron a ocasión de certificaren os niveis de catalán básico, elemental, intermedio e suficiencia.