O catedrático Manuel Carreiras falará sobre a relación entre neurociencia, lectura e bilingüismo nunha conferencia en Psicoloxía
O catedrático de Psicoloxía Básica da Universidade da Laguna, Manuel Carreiras, impartirá unha conferencia sobre ‘Neurociencia, lectura e bilingüismo’ este venres 23 a partir das 17.00 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Psicoloxía. Na actualidade, Carreiras é director do Basque Center on Cognition, Brain and Language, un centro internacional de investigación interdisciplinar fundado conxuntamente por Ikerbasque, a UPV-EHU e a Deputación de Gipuzkoa. Coas súas instalacións en Donostia-San Sebastián, o centro creouse en decembro de 2008 cando comezaron as operacións para crear o ambiente de investigación necesario. O seu obxectivo específico é desentrañar os mecanismos neurocognitivos involucrados na adquisición, comprensión e produción da linguaxe, cunha especial énfase no bilingüismo e o multilingüismo. "A linguaxe é a capacidade humana máis singular e implica procesos cognitivos complexos”, sinala Manuel Carreiras cuxa conferencia axudará a comprender a transcendencia da lectura e a escritura como “os acontecementos culturais máis impresionantes da nosa civilización”, ao tempo que “un importante fito no desenvolvemento da vida de cada persoa”. Algunhas das recentes publicacións so profesor Carreiras poden consultarse no enderezo web http://www.bcbl.eu/people/staff/manuel_carreiras