A Escola de Relacións Laborais de Lugo celebra o acto de fin de estudos das dúas primeiras promocións de graduados
A Escola Universitaria de Relacións Laborais celebra o venres 15 o acto de graduación da primeira e a segunda promoción de titulados no Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. A cerimonia terá lugar a partir das 19.00 horas no salón de actos do centro, e estará presidida polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, ao que acompañarán o delegado de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro; o presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Eduardo Núñez-Torrón; o presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo, Manuel Núñez Carreira; a directora da Escola, Mercedes Montes; e o padriño do acto, o profesor do centro José Luis Valcárcel Yáñez. Ademais da entrega de diplomas e imposición de insignias aos novos titulados, farase un recoñecemento especial ao estudante co mellor expediente académico da primeira promoción.