Skip to main content
STG

Reflexionan nun encontro en Filoloxía sobre as novas formas de creación e distribución do coñecemento nas prácticas culturais

Baixo o título ‘Encontros abertos: innovación social, cultura hacker e terceiro espazo’, o Grupo de Investigación Gis-T IDEGA da USC e o colectivo Baleiro convocan un encontro aberto no que debater a propósito do chamado “xiro educativo” das prácticas culturais e das novas formas de creación e distribución do coñecemento. A convocatoria parte da idea de que un amplo conxunto de experiencias colaborativas está reformulando os procesos educativos, formulando as iniciativas pedagóxicas como procesos de negociación. “Unha visión da aprendizaxe como conversación, intercambio e experimentación creativa, que pode ser vinculada á cultura hacker, por unha banda, e a un renovado interese polo procomún, en tanto patrimonio colectivo, pola outra”, aseguran os organizadores. Trátase de reflexionar sobre as inevitables friccións entre un novo espazo discursivo, dominado pola horizontalidade, a apertura e as metodoloxías P2P, e o marco educativo institucional, máis ríxido e vertical. O encontro desenvolverase este xoves 21 entre as 16.00 e as 19.00 horas no local de Baleiro na Facultade de Filoloxía da USC. Está confirmada a presenza do director de Gis-T IDEGA, Carlos Ferrás Sexto; do colaborador do mesmo grupo, Adrián Hiebra; e de Daniel L. Abel e Víctor E. Pérez, coordinadores de Baleiro. Educación aberta Neste campo destaca o importante traballo de investigación interdisciplinar que durante anos desenvolveron tanto o Gis-T, especializado na análise do impacto das tecnoloxías da información e a comunicación na sociedade e o territorio, como Baleiro, centrado na exploración das relacións entre arte, política e sociedade. A actividade está impulsada polo Máster en Sociedade da Información e o Coñecemento do Gis-T e a USC, que deu pé á concepción e desenvolvemento dos Laboratorios de Educación Aberta (LEA) que serán presentados nestas mesmas xornadas.

The contents of this page were updated on 06.20.2012.