Skip to main content
STG

Un investigador propón un novo modelo conceptual para a base de datos Bibliografía Informatizada da Lingua Galega

O profesor de Lingüística Xeral na Facultade de Filoloxía Francisco García Gondar propón un novo modelo conceptual da Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA) baseado na modelización Entidade/Relación, que actualmente caracteriza á maior parte das bases de datos relacionais. Para iso, realizou previamente unha detallada descrición e avaliación dos aspectos lingüísticos e documentais que caracterizan a súa actual versión coa finalidade de identificar as fortalezas e debilidades que presenta e deseñar deste xeito un modelo que conserve as primeiras e corrixa as segundas. Este era o eixo central da súa tese de doutoramento, titulada Aspectos lingüísticos e documentais do deseño conceptual dunha base de datos bibliográfica especializada sobre a lingua galega, que defendeu o pasado venres baixo a dirección de Guillermo Rojo e á que lle outorgaron a cualificación de Apto cum laude. O traballo de García Gondar tiña por obxecto de estudo a BILEGA que el mesmo vén desenvolvendo dende hai máis de quince anos como proxecto de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Esta base de datos, accesible en Internet dende finais do ano 1998 no enderezo http://www.cirp.es/bdo/bil/, segundo o seu autor constitúe arestora o máis completo recurso dixital de información bibliográfica sobre a lingua galega, contendo un total de 17.500 rexistros cunha información equivalente a algo máis de 10.000 páxinas impresas.

O tribunal que xulgou a tese estivo formado polo catedrático da USC Xosé Luís Regueira Fernández, como presidente; ademais de pola catedrática da Universidade da Laguna Dolores Corbella Díaz; pola profesora da Universidade Nova Lisboa Maria Teresa Brocardo; e polo profesor de Investigación do Instituto de Estudios Documentais sobre Ciencia e Tecnoloxía do CSIC, Ignacio Ahumada Lara, como vogais; e por Alexandre Rodríguez Guerra, profesor da Universidade de Vigo, na secretaría.

The contents of this page were updated on 05.29.2012.