Skip to main content
STG

A USC, anfitrioa da Conferencia de Decanos de Psicoloxía das Universidades españolas

Os decanos e decanas das trinta e seis Facultades españolas de Psicoloxía reuniranse este xoves e venres en Santiago de Compostela nunha conferencia que nesta ocasión organiza a USC. A reunión, que terá lugar no Salón do Peregrino de San Martiño Pinario, inaugurarase o xoves ás 10.00 horas nun acto no que interveñen o reitor compostelán, Juan Casares; a decana da Facultade de Psicoloxía, Carolina Tinajero; e a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía, Rosa Álvarez Prada. Estas xuntanzas, que se organizan dúas veces ao ano, tratan sempre cuestións relacionadas co deseño e ordenación dos estudos e coa profesión propiamente dita. En Santiago tratarán os cambios recentes no panorama educativo e concretamente como afectan á titulación as modificacións reguladas polo recente Real Decreto. Ademais, analizarán os criterios de valoración na investigación en psicoloxía. A primeira destas conferencias tivo lugar precisamente na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1991, sendo decano comisario o profesor José Manuel Sabucedo.

The contents of this page were updated on 05.23.2012.