Skip to main content
STG

Preséntase en Salamanca o programa Parellaes da USC para o intercambio lingüístico entre catalán e galego

Mercè López e Dolors Perarnau, durante a presentación do programa Parellaes da USC en Salamanca
Mercè López e Dolors Perarnau, durante a presentación do programa Parellaes da USC en Salamanca

Ao abeiro do XVI Col·loqui Internacional de Llengua i Literatura Catalanes, celebrado do 1 ao 6 de xullo na Universidad de Salamanca, tivo lugar a presentación de Parellaes, programa académico de intercambio galego-catalán organizado pola Área de Catalán da Facultade de Filoloxía da USC. As profesoras responsables, Maria Mercè López Casas e Dolors Perarnau Vidal, amosaron dende a experiencia e a testemuña dalgúns dos participantes como este programa traballa simultaneamente os aspectos lingüístico e cultural destas dúas linguas ao tempo que fomenta o seu uso e valorización en tanto que linguas minorizadas do estado. A día de hoxe, Parellaes leva xa percorridas catro convocatorias, facendo do intercambio un lugar privilexiado de descuberta, non só de lingua e cultura alleas, senón tamén das propias. Aprender de xeito distentido Os participantes no programa Parellaes teñen a oportunidade de conversar coas súas respectivas parellas nun ambiente relaxado e axeitado para a práctica destes idiomas. Cada parella intégrana unha persoa catalanofalante e unha galegofalante, para que os intercambios sexan bidireccionais e mutuamente enriquecedores. O obxecto é que os participantes compartan unha ou dúas horas semanais do xeito que acorden: tomando un café, paseando pola cidade ou saíndo pola noite. As parellas asígnanse en función da dispoñibilidade horaria, afeccións e preferencias das persoas interesadas. O programa vai destinado, dunha banda, ao alumnado orixinario do ámbito lingüístico catalán que actualmente estuda na USC e, doutra, ao alumnado da universidade compostelá que curse actualmente ou teña cursado materias da Área de Filoloxía Catalá.

The contents of this page were updated on 07.27.2012.