Skip to main content

This portal uses its own or third-party cookies for analytical purposes, as well as links to third-party portals in order to share content on social networks. You can get more information in the cookies policy.

STG

Os maiores especialistas mundiais en fisioloxía dos moluscos danse cita en Santiago nun congreso organizado pola USC

O reitor da USC e a conselleira do Medio Rural e do Mar, no centro, inauguraron o congreso
O reitor da USC e a conselleira do Medio Rural e do Mar, no centro, inauguraron o congreso
A Facultade de Bioloxía é sede do encontro Physiomar 12, que se desenvolverá ata o 8 de setembro e no que participan máis de 120 investigadores e investigadoras

O congreso Physiomar 12 reúne desde este mércores e ata o 8 de setembro en Compostela os maiores especialistas mundiais en fisioloxía dos moluscos. Neste congreso, organizado conxuntamente pola USC, o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (pertencente ao CSIC) e o Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia (CIMA), participan máis de 120 persoas procedentes de 25 países. A inauguración oficial tivo lugar na Facultade de Bioloxía coa presenza do reitor da USC, Juan Casares; a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; e representantes das tres entidades organizadoras. Segundo Luz Pérez-Parallé, do Instituto de Acuicultura da USC e membro do comité organizador, “ este encontro servirá de foro para a comunicación dos últimos avances en todos os aspectos relacionados coa fisioloxía dos moluscos; persoal investigador, estudantado, produtores e produtoras de moluscos e profesionais do sector dispoñen así dun espazo para o intercambio, a cooperación e a colaboración no ámbito dos moluscos mariños, para entender mellor a súa capacidade de adaptación a un contorno cambiante, a súa importancia ecolóxica e o fomento da produción sostible”. Nesta edición o congreso Physiomar estará centrado en cuestións como reprodución, nutrición, toxicidade, biomoléculas e biomateriais, xenética e xenómica ou resposta inmune. O encontro configúrase a partir de sesións centradas en cada un destes aspectos e nas que se presentarán máis de 60 relatorios.

O congreso continúa coa xeira iniciada en novembro de 2006 en La Paz (México), e que tivo a súa continuidade en Physiomar08, celebrada en Brest (Francia), e Physiomar10, que se desenvolveu no Québec (Canadá).

Asisten ao encontro 120 especialistas de 25 países

The contents of this page were updated on 09.05.2012.