Skip to main content
STG

O proxecto Migranet para o estudo das poboacións de peixes migradores no espazo do suroeste europeo presenta os seus principais resultados

O proxecto remata deste xeito dous anos de traballo no que se implicaron investigadores de Francia, Portugal e España, coordinados pola USC

Os principais resultados do proxecto europeo Migranet, para a creación e posta en marcha dun observatorio das poboacións de peixes migradores no espazo do suroeste europeo, presentaranse en avance nunha rolda de prensa este venres 21 ás 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. O coordinador do proxecto, o profesor Fernando Cobo, será o encargado de presentar os principais apuntamentos alcanzados neste dous últimos anos de traballo entre investigadores de Francia, Portugal e España. Na presentación tamén estarán presentes o subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas da Xunta de Galicia, Emilio Rosa; o investigador do Institut National de la Recherche Agronomique (INRA), Etiene Prevost; e o investigador do Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental (CIIMAR) e director do Aquamuseu do Rio Minho, Carlos Antunes. Co-financiado ao 75 por cento con cargo a fondos FEDER, o proxecto estendeuse ao longo de dous anos dende principios de 2011 co obxectivo principal de contribuír á conservación e recuperación das especies de peixes migradores e dos seus hábitats, a partir dun mellor coñecemento compartido da súa situación real. Ademais, este mesmo venres pola tarde, a Aula Magna da Facultade de Bioloxía da USC acollerá o Seminario de Capitalización e difusión de resultados do proxecto.

The contents of this page were updated on 12.20.2012.