Investigadores nacionais e internacionais reúnense dende este martes na USC no Congreso en Diversidade Social
A USC reúne ao longo deste martes 4 e o mércores 5 investigadores nacionais e internacionais en materia de diversidade social no transcurso do Congreso Internacional en Diversidade Social, organizado a modo de foro de debate e discusión do traballo realizado polos/as especialistas neste eido. O acto inaugural celebrarase estes martes 4 a partir das 9.15 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais presidido polo vicerreitor de Titulacións e Persoal Docente e Investigador, Jesús López Romalde, e coa participación ademais do catedrático e presidente do Comité Organizador do encontro, José Mª Riobóo; da decana da Facultade, Mª Emilia Vázquez Rozas; do vicepresidente da Fundación ‘Pastora Campos Goldner’, Andrés Martínez; e da profesora da Universidade Rey Juan Carlos e membro do comité organizador; Irene Riobóo. A primeira sesión do programa, a partir das 10.15 horas, será unha conferencia plenaria do presidente da Asociación Española de Normalización e Certificación, Manuel López Cachero, titulada ‘ Responsabilidade Social, un concepto en evolución’. A continuación darán comezo as sesións paralelas, tanto no Salón de Graos como na Aula 13 do centro, que continuarán pola tarde e na xornada do mércores 5. Este Congreso Internacional organízano o grupo de investigación ‘Estudos Socio-Económicos sobre Diversidade’ da USC (GESED). Profesores de distintas universidades españolas constituíron este grupo en 2010 para xerar un espazo de discusión, investigación e reflexión respecto á diversidade, establecendo un diálogo entre diferentes disciplinas relacionadas e para producir un coñecemento científico desta realidade abarcándoa como dimensión social. O grupo configúrase como unha unidade vinculada á Cátedra institucional Pastora Campos Goldner para a Atención á Diversidade, dependente da USC, que ten entre os seus obxectivos incentivar programas de investigación no campo de estudo da diversidade que profunden no coñecemento desta realidade e faciliten a adopción de decisións adecuadas. Máis información na web do congreso.