O Centro de Linguas Modernas abre a matrícula dos módulos de autoaprendizaxe titorizada no Centro de Recursos de Idiomas
O Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago acaba de abrir a matrícula dos módulos de autoaprendizaxe titorizada no Centro de Recursos de Idiomas (CRI) en Lugo e Santiago, destinados tanto á comunidade universitaria como ao público xeral a partir dos 16 anos. No Campus de Santiago está aberta a matrícula en modalidade libre (alumnos matriculados só no CRI) para francés e español para estranxeiros e combinada (alumnos matriculados nun curso da mesma lingua no CLM e no CRI) para inglés, checo, ruso e español para estranxeiros. En Lugo abren os módulos de francés e de inglés tanto en modalidade combinada como na libre. O CRI pon a disposición ordenadores con acceso a internet, DVDs, videos, CD-Roms, TV con satélite, CDs, manuais, libros de referencia, dicionarios, enciclopedias, gramáticas, CDs con cancións, textos auténticos, revistas, xornais, antoloxías, libros en versión orixinal e traducida ao castelán ou galego, folletos informativos, etc., todos eles materiais que permiten desenvolver as áreas que máis interesa mellorar ou ampliar. Xunto a estes recursos ofrécense sesións de conversación con titores, intercambio de conversación TANDEM e asesoramento pedagóxico. A matrícula está aberta finais de abril, mais os interesados en matricularse por libre terán que facer antes unha proba de nivelación, que se realizará no CRI dentro do seu horario. Créditos e acreditacións O estudantado de licenciaturas poden recibir créditos de libre configuración. Quen aprobe un curso de nivel B1 segundo o Marco de Referencia Común para as Linguas (MCER) terá acreditado o coñecemento dunha lingua estranxeira, requisito imprescindible para rematar os estudos de Grao ou realizar a matrícula no Master, e quen supere un de nivel B2 doMCER poderá recibir 3 créditos transversais para os seus estudos de Grao.
Máis información no enderezo clm [at] usc.es (clm[at]usc[dot]es), na extensión 11757 e na Oficina do CLM, aberta entre as 9:00-14:00h de luns a venres na Facultade de Filoloxía e no propio Centro de Recursos de Idiomas.